BALONMÁN FEMININO
Sabina Mínguez, quinta no Mundial Universitario
• A porteira do Guardés, xunto coas Guerreiras Universitarias, finalizou o Campionato do Mundo 2026 en quinto lugar
• O conxunto nacional terminou a fase de grupos invicto despois de tres grandes vitorias, pero caeu en cuartos de final contra Polonia. Finalmente, conquistaron o quinto posto clasificatorio en dous duelos contra Brasil e China ´
Redacción Deportes/A Guarda
O Atlético Guardés segue conquistando logros máis aló das súas cores. A súa porteira, Sabina Mínguez, clasificouse da man da Selección Española no quinto lugar do Campionato do Mundo Universitario celebrado en Bordeus nas últimas semanas.
O conxunto nacional inaugurou a loita por revalidar a coroa obtida no mesmo torneo o ano pasado cun refacho inmellorable, superando a fase de grupos con pleno de vitorias ante Alemaña (21-18), Brasil (20-24) e República Checa (26-25). O camiño truncouse, con todo, no seguinte banzo, cando as Guerreiras Universitarias caeron en cuartos de final ante unha selección polaca que se levou o duelo na segunda metade (31-26).
Tras a derrota, as de Joseba Rodríguez resarcíronse ao obter o mellor resultado posible nos últimos choques pola clasificación. Impoñéndose ás brasileiras unha vez máis primeiro e á China despois, as españolas certificaron unha quinta praza que as mantén como unha das seleccións máis fortes da categoría. Un mérito ao que a gardameta do Guardés, Sabina Mínguez, contribuíu con fartura baixo paus, deixando grandes actuacións como o do primeiro encontro de fase de grupos ante Alemaña, que saldou con 9 cruciais paradas.
O equipo baixomiñoto consolida así a súa presenza nas competicións internacionais unha pretemporada máis, á vez que continúa servindo como escaparate para que os seus atletas poidan demostrar a súa valía e dar o salto ás seleccións españolas absolutas, levando o nome do Guardés da man das Guerreiras.

Ningún comentario:
Publicar un comentario