A Deputación aproba máis dun millón de euros da liña de investimentos do Plan +Provincia para Oia, Redondela e A Guarda
• O Concello da Guarda destinará 710.000 euros a adquirir a histórica casa indiana Villa María - ou Casa de D.Eloy Domínguez -, situada na rúa Galicia
A Guarda recibirá 710.000 € para adquirir a casa indiana Villa María ou Casa de Don Eloy Domínguez
Foto: Santiago Baz Lomba
Infogauda/Comarcas
A Deputación de Pontevedra aprobou este luns na Xunta de Goberno destinar máis dun millón de euros da liña de investimentos do Plan +Provincia a Oia, Redondela e A Guarda. O presidente Luis López detallou que Oia recibe 62.000 € para adquirir terreos para construír unha nave municipal, Redondela 265.000 € para a mellora do camiño de subida a Trasmañó e a estrada da Autopista, e A Guarda 710.000 € para adquirir a casa indiana Villa María ou Casa de don Eloy Domínguez Veiga.
Máis polo miúdo, con estes recursos o Concello de Oia adquirirá dúas parcelas do polígono 15, a carón dos camiños do Xardín e do Casal, co fin de gardar a maquinaria municipal de uso forestal (tractor, pala, motobomba, debrozadoras, etc.), de tal maneira que conte cun equipamento reservado para tal fin, evitando así o aluguer mensual dunha construción non lugar de Mougás.
Pola súa banda, Redondela pavimentará e mellorará a seguridade viaria na subida a Trasmañó e na estrada da Autopista, unha actuación que abarca unha superficie aproximada de 8.853 metros cadrados ao longo de case 1,4 quilómetros de vías, onde se renovará o firme con aglomerado asfáltico en quente e se ampliará a calzada grazas á construción de muros de mampostería granítica nos treitos que o permitan. O deputado Alejandro Lorenzo informou esta mañá nunha visita á zona na que se intervirá que a Deputación financiará integramente esta actuación, que inclúe unha modernización integral do sistema de drenaxe con máis dun quilómetro de novas cunetas de formigón, e un reforzo da seguridade viaria mediante a substitución de barreiras de seguridade e a instalación de tres redutores de velocidade, contemplando ademais un tratamento especial con adoquíns de granito na intersección co Camiño de Santiago para garantir a súa continuidade.
Por último, o Concello da Guarda destinará os 710.000 euros a adquirir a histórica casa indiana Villa María ou Casa de D. Eloy Domínguez, situada na rúa Galicia e integrada nunha ampla parcela con xardíns de gran valor paisaxístico. O inmoble constitúe un dos exemplos máis destacados da arquitectura indiana da vila e conserva numerosos elementos de interese histórico e cultural, aínda que presenta necesidades de conservación derivadas do paso do tempo. A súa incorporación ao patrimonio municipal permitiría garantir a súa preservación, crear un museo municipal e habilitar os xardíns como parque público, reforzando a oferta cultural, turística e de lecer do concello. Luis López lembrou que o Plan +Provincia 2026-2027 está dotado de 85 millóns de euros. “Seguimos avanzando no reparto dos 85 millóns cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, asegurou o presidente da Deputación.


Ningún comentario:
Publicar un comentario