Tomiño aproba en pleno a alianza co Rosal para xestionar xuntos un investimento de 7,3 millóns de euros
• O Concello aprobou por unanimidade en pleno o convenio de colaboración para xestionar os fondos europeos do Plan EDIL, cos que levarán a cabo unha estratexia pioneira que desenvolvemento urbano sostible que converterá a auga e o Miño en eixo vertebrador
Infogauda/Tomiño
Dous concellos, un territorio, un financiamento de máis de 7 millóns de euros e unha importante captación de fondos europeos para transformalo. O Concello de Tomiño aprobou en pleno por unanimidade o convenio de colaboración con O Rosal para levar a cabo diferentes actuación ao abeiro do Plan EDIL concedido polo Ministerio de Facenda, un paso formal pero decisivo que consolida unha alianza estratéxica pioneira en Galicia con dous municipios que, traballando xuntos, accederon a fondos FEDER dentro da modalidade de Áreas Urbanas Funcionais, no marco do Desenvolvemento Urbano Sostible e con cargo ao FEDER para o período 2021-2027, que ata agora estaban reservados exclusivamente a cidades de máis de 20.000 habitantes.
Tomiño e O Rosal levarán a cabo un investimento público de case 7,2 millóns de euros, financiado ao 60% cos fondos europeos captados, que foron de case 4,4 millóns euros. Un financiamento co que se levará a cabo o Plan de Actuación Integrado (PAI) Tomiño-O Rosal. Tecidos da Auga, que estará estruturado en tres eixos: a mellora e rexeneración ambiental, renaturalización e infraestrutura verde; a reforma dos servizos urbanos e espazos públicos para as persoas; e a promoción dunha marca territorial que poña en valor o patrimonio local.
Para a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, a captación destes fondos é un fito logrado por todo o traballo conxunto previo realizado “para pasar agora da planificación á acción. O que hai detrás deste Plan de Actuación Integrado son espazos públicos para as persoas mellorados e un territorio máis verde e sostible co Miño como eixo común”.
O PAI entende a auga como elemento clave de conexión entre ambos concellos. O río Miño, coa súa importancia paisaxística e de biodiversidade, é o fío condutor dun proxecto que busca un desenvolvemento integrado e sostible do territorio, protexendo o ciclo integral da auga e aproveitando as sinerxías entre dous municipios que comparten identidade, recursos e visión de futuro.
A través do convenio aprobado, Tomiño asumirá a contratación das accións de comunicación do PAI conxunto, coordinando ademais os medios materiais e persoais de ambos concellos para formular e xustificar as operacións que se executen. No mesmo pleno aprobouse tamén unha modificación de crédito de case un millón de euros, que permitirá sacar varias actuacións previstas no marco do plan.

Ningún comentario:
Publicar un comentario