Este verán, doa sangue no Rosal
• A unidade móbil da Axencia Galega de Doazón estará este martes, 7 de xullo, de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.00 h na rúa Ramón Franco
Infogauda/O Rosal
Verán solidario no Rosal. O concello recibirá este martes, 7 de xullo unha nova visita dunha das unidades móbiles da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), un autobús que estará aberto a todas aquelas persoas que desexen doar e deixar unha vez máis a súa pinga de solidariedade e dar un alento de vida.
A unidade móbil estará na rúa Ramón Franco nº 4, diante da sucursal de Abanca, e abrirá as súas portas en horario de 10.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.00 horas. As persoas que desexen doar sangue poderán solicitar máis información chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.
Para participar neste proceso, que apenas dura 10 minutos, debe terse máis de 18 anos e pesar máis de 50 kg. As persoas doantes deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É imprescindible levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.
Ademais das 10 unidades móbiles que se desprazan cada día, a Axencia Galega mantén abertos sete puntos fixos nos principais hospitais galegos na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender as necesidades diarias de milleiros de doentes os 365 días do ano. Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a todas as persoas que o necesitan.

Ningún comentario:
Publicar un comentario