Trece óleos de Antonio Fernández Gómez reúnense nunha exposición na súa aula de Goián
• A mostra, organizada pola Asociación Cultural Antonio Fernández, poderá visitarse ata o 28 de xullo con entrada libre.
Infogauda/Goián (Tomiño)
A Aula Pintor Antonio Fernández, de Goián ofrece durante este mes de xullo unha oportunidade excepcional para achegarse á obra dun dos artistas máis sobranceiros da pintura galega. O espazo expositivo acolle unha selección de trece óleos orixinais de Antonio Fernández Gómez (1882-1970), o pintor que lle dá nome á aula e unha figura esencial na historia artística do Baixo Miño.
A iniciativa, organizada pola Asociación Cultural Antonio Fernández, coa colaboración do Concello de Tomiño, pretende poñer en valor o legado dun creador cuxa obra transcendeu as fronteiras de Galicia. Coñecido como o pintor de tres mundos, Fernández Gómez formouse no Brasil, perfeccionou a súa técnica en Italia e regresou definitivamente a Goián en 1929, onde desenvolveu boa parte da súa produción e exerceu unha notable influencia sobre outros artistas galegos. A súa pintura, marcada polo realismo e pola extraordinaria sensibilidade para captar a luz e a paisaxe, continúa a ser unha referencia da arte galega do século XX.
A exposición reúne trece óleos orixinais que permiten percorrer diferentes momentos da traxectoria do artista e achegarse á súa particular visión da paisaxe e do territorio, unha temática que ocupou un lugar central ao longo de toda a súa carreira.
A mostra poderá visitarse ata o 28 de xullo, de xoves a domingo, en horario de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas, con entrada libre, na Aula Pintor Antonio Fernández, de Goián.
Desde a organización animan tanto á veciñanza como ás persoas que visiten o Baixo Miño durante estas semanas a aproveitar esta oportunidade para descubrir ou redescubrir a obra dun artista que contribuíu decisivamente á proxección cultural de Goián e que deixou unha pegada permanente no patrimonio artístico galego.

Ningún comentario:
Publicar un comentario