A Xunta de Galicia dá luz verde ambiental a un proxecto para o almacenamento de enerxía eléctrica no Rosal
• A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a actuación teña efectos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
• O proxecto desenvolverase nunha parcela cunha superficie de algo máis de 2.700 metros cadrados e as actuacións refírense tanto ás infraestruturas principais como a outras asociadas para a evacuación da electricidade e a conexión á rede
Infogauda/O Rosal
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto de instalación dun sistema de almacenamento de enerxía eléctrica en baterías cunha potencia de 4,5 MW e das infraestruturas necesarias para a evacuación da electricidade e a conexión á rede de distribución do concello do Rosal.
Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que se publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, non é previsible que o proxecto teña efectos adversos significativos na contorna, sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución autonómica.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polos promotores foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de 11 organismos.
Froito desas consultas, realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra coas condicións establecidas nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, a poboación e a saúde; das augas e leitos fluviais; do solo e das infraestruturas; a xestión dos residuos ou o patrimonio natural, entre outras cuestións.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e hoxe dáselle publicidade mediante anuncio no DOG e a través da páxina web da Consellería.
O proxecto, promovido por Ebro Energy O Rosal, desenvolverase nunha parcela de 2.764 metros cadrados, dos cales uns 500 m2 serán ocupados polo almacenamento de enerxía eléctrica en baterías. As instalacións previstas consistirán nun sistema BESS (solución de almacenamento de enerxía en baterías, polas siglas en inglés) composto por catro contedores de baterías, cunha capacidade de almacenamento en catro horas de 18 MWh e 4,5 MW de potencia instalada.
A infraestrutura complétase mediante un transformador, un centro de protección e medida localizado dentro das propias instalación e os aparatos necesarios para a súa conexión á rede de distribución de 20 kV a través dunha liña subterránea ata o punto de evacuación na subestación eléctrica transformadora O Rosal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario