16 de xul. de 2026

ECONOMÍA

Galicia e norte de Portugal promoven proxectos innovadores conxuntos sobre industria, turismo, saúde e sector primario 

 Presentan en Viana do Castelo o proxecto MAISRIS3T, liderado pola Xunta de Galicia cun orzamento de case 1 M€ para actividades transfronteirizas ata 2028 


A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, na presentación do proxecto MAISRIS3T, unha iniciativa liderada pola Xunta de Galicia
Foto: XG

Infogauda/Viana do Castelo

 Galicia e Norte de Portugal dan un paso máis na cooperación transfronteiriza coa presentación do proxecto MAISRIS3T, unha iniciativa liderada pola Xunta de Galicia con case 1 M€ de orzamento que promove proxectos innovadores conxuntos en industria, mobilidade e enerxía, agricultura e alimentación, recursos e economía do mar, saúde e benestar ou turismo e industrias creativas. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou hoxe na presentación do proxecto que Galicia e Norte de Portugal “son máis fortes cando cooperan, suman talento e cando presentan ante Europa unha visión común e proxectos máis ambiciosos”.  

 O proxecto MAISRIS3T levará a cabo actividades conxuntas ata 2028 para dinamizar a cooperación entre empresas, universidades, centros tecnolóxicos, organismos de investigación e administracións, establecerá novas colaboracións e identificará proxectos innovadores con opción de chegar ao mercado. Outros desafíos son “aumentar a captación de fondos, fixar capacidades mellor conectadas e unha gobernanza conxunta que perdure no tempo, segundo explicou a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP no acto en Viana do Castelo, acompañada por Álvaro Santos, presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolemento Rexional do Norte (CCDR Norte) e representantes da Fundación CEER (Rede de universidades públicas de Galicia-Norte de Portugal) e da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT_GNP), socios do proxecto.  

 Carmen Cotelo avogou por reforzar a participación conxunta en programas como Horizonte Europa ou Vinnovate e transformar un territorio a través de accións “para construír unha Eurorrexión máis innovadora, integrada, competitiva e sostible. Ao acto de lanzamento do proxecto asistiron o alcalde de Viana do Castelo, Luís Nobre, a directora do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), Rosa Chapela, ou o director xeral da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA), Fernando Val, entre outros axentes do ecosistema de innovación.  

Reforzar a Eurorrexión 

 Galicia e Norte de Portugal foron pioneiros na posta en marcha da primeira estratexia de especialización transfronteiriza en Europa para o periodo 2014-2020, que foi recoñecida como caso de boas prácticas pola Comisión Europea. “A RIS3T permitíunos poñer en común prioridades, sumar capacidades e construír unha relación estable de confianza, asegurou Carmen Cotelo. O proxecto MAISRIS3T, que conta con financiamento do programa Interreg POCTEP, continúa este camiño coa actual estratexia 2021-2027.  

 Na actualidade a Xunta desenvolve seis proxectos punteiros en I+G+i co Norte de Portugal, cun orzamento de 39 M€, que reforzan a Eurorrexión en áreas de alto impacto como tecnoloxía cuántica, intelixencia artificial ou biotecnoloxía. Nestas iniciativas participan nove entidades galegas e 19 socios portugueses, co reto de fortalecer o posicionamento en Europa e avanzar cara unha economía baseada no coñecemento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario