22 de xul. de 2026

DEPORTES

 BALONMÁN FEMININO

O acento galego de Noelia Solla completa as fichaxes do Atlético Guardés 

A pontevedresa é unha xogadora experimentada na Liga e vén dunha proveitosa etapa no Atticgo Elche 

Solla completa as seis novas fichaxes que o equipo miñoto incorporará na tempada entrante 

 

Noelia Solla, pivote de 21 anos, é a sexta nova incorporación ao equipo
Foto: Cedida

Redacción Deportes/A Guarda

 O Atlético Guardés pecha o seu mercado de fichaxes con acento galego. A pontevedresa Noelia Solla, pivote de 21 anos, é a sexta nova incorporación ao equipo, ao que chega para aportar a experiencia adquirida nunha proveitosa etapa no Atticgo Elche. 

 Solla, con apenas 21 anos, presume da experiencia que lle outorgou converterse no pilar defensivo dun equipo tan potente coma o ilicitano, ao longo das máis de dúas tempadas que defendeu a súa camisola. Natural de Pontevedra, chega para sumar acento galego a un Atlético Guardés que sinte predilección por perfís coma o seu: fortes na protección da portería e desequilibrantes nos 6 metros. 

 Así, a galega tamén conta cunha importante quilometraxe na competición europea, polo que supón unha nova conxugación entre mocidade e unha certa experiencia que continúa coa tónica xeral das fichaxes pechadas esta tempada polo equipo baixomiñoto, que se pecha finalmente cun saldo de seis saídas e seis novas incorporacións. 

 Noelia Solla é a sexta fichaxe anunciada polo Atlético Guardés para o seu proxecto 2026/2027, uníndose a Ana Marín, Aintzane García, Daniela García, Silvia Leiras e María Cobo como novas incorporacións. Todas elas compartirán vestiario coas renovadas Cecilia Cacheda, María Palomo, Cristina Cifuentes, Ania Ramos, Carme Castro, Elena Martínez, Rosane Serrano, Nerea Gil e Sabina Mínguez.     

Noelia Solla: “Estou convencida de que vou desfrutar moito formando parte do Guardés” 

 A pivote Noelia Solla amósase “moi ilusionada” por unirse ao proxecto baixomiñoto, ao que decidiu facelo porque “é un equipo que, ano tras ano, demostra que compite ao máximo nivel en tódalas competicións que disputa”. A pontevedresa non esquece, tampouco, o vibrante ambiente que cada xornada vive A Sangriña: “Conta cunha afección incrible que sempre está detrás do equipo, a apoiar e a facer sentir a súa forza en cada partido”. 

 Para Solla, o 2026 preséntalle un “novo reto” que afronta “con moitísimas ganas de seguir a aprender, de medrar como xogadora e de aportar todo o que estea na miña man para axudar ao equipo”. O seu obxectivo, di sen ambaxes, é “competir ao máximo en cada adestramento e en cada partido”.  

 A xogadora galega volve definir ao Atlético Guardés coma “un proxecto moi ilusionante, con moita ambición” e polo que “estou convencida de que vou desfrutar moito formando parte del”. Deixa claras, por último, as súas “moitas ganas de comezar e de vivir esta nova etapa xunto ás miñas compañeiras e toda a afección”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario