BALONMÁN FEMININO
María Cobo aporta máis proxección á primeira liña guardesa
• A lateral valenciana chega ao equipo baixomiñoto procedente dunha rotura de ligamento cruzado que frustrou a súa única tempada no Zuazo
• Cobo continúa a aportar proxección e mocidade coma a quinta fichaxe que se une ao cadro de persoal este ano
Redacción Deportes/A Guarda
Desvelada a quinta fichaxe do Atlético Guardés 2026/2027. O club baixomiñoto segue a aportar mocidade e experiencia coas súas novas incorporacións, e neste caso a lateral valenciana María Cobo chega buscando recuperar sensacións tras unha grave lesión de xeonllo.
Nada en Valencia e con tan só 21 anos, Cobo conta xa cunha importante experiencia na Liga Guerreras Iberdrola. Con apenas 18 anos desembarcou no Rocasa Gran Canaria, onde puido medrar enormemente como xogadora e adquirir unha notable polivalencia sobre o 40x20. As súas posibilidades de sumar quilometraxe de xogo víronse frustradas, con todo, a pasada tempada, cando tivo que ser intervida no mes de novembro por unha rotura de ligamento cruzado anterior no xeonllo esquerdo que sufriu nada máis chegar ao Balonmano Zuazo.
Agora, a lateral busca recuperar o ritmo e as sensacións do balonmán noutro dos grandes nomes da categoría. O seu 1,78 de altura convértea nun perfil versátil e interesante, prometendo unha grande potencia defensiva que complemente o seu traballo na primeira liña atacante. Ademais, a valenciana xa sabe o que é competir en Europa da man do seu antigo equipo canario, polo que conxuga a proxección e a experiencia que o Guardés está a buscar nestes momentos.
María Cobo é a quinta fichaxe anunciada polo Atlético Guardés para o seu proxecto 2026/2027, uníndose a Ana Marín, Aintzane García, Daniela García e Silvia Leiras como novas incorporacións. Todas elas compartirán vestiario coas renovadas Cecilia Cacheda, María Palomo, Cristina Cifuentes, Ania Ramos, Carme Castro, Elena Martínez, Rosane Serrano, Nerea Gil e Sabina Mínguez.
María Cobo: “Un dos principais motivos polos que vin é porque quero volver desfrutar do balonmán a alto nivel”
A nova lateral do Atlético Guardés, María Cobo, detalla o momento deportivo no que se atopa e que a levou a decidir unirse ao proxecto. “Veño dunha lesión importante e un dos principais motivos polos que vin é porque quero volver desfrutar do balonmán a alto nivel”, explica. “Creo que este Club reúne as condicións ideais para recuperar sensacións, seguir a medrar e volver sentirme ben tanto dentro coma fóra da pista”, engade a última incorporación baixomiñota.
En canto ás súas expectativas para esta nova tempada, a valenciana admite que “espero ir recuperando o meu mellor nivel”, ao tempo que traballa por “aportar todo o que poida ao equipo e axudar a conseguir os obxectivos que nos marquemos entre todas”. A súa ambición e determinación están claras, insistindo na ilusión por “comezar esta nova etapa e aproveitar ao máximo esta oportunidade”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario