22 de xul. de 2026

DEPORTES

CICLISMO

O II GRAN PREMIO CICLISTA ORPAGU REUNIRÁ ESTE SÁBADO NA GUARDA A PRETO DE 200 CORREDORES  

A proba, integrada na programación da XXI Festa do Peixe Espada, será un cirtuíto puntuable para a Copa Critérium e contará con Álvaro Pino como padriño



Infogauda/A Guarda  

 A Guarda volverá converterse este sábado, 25 de xullo, nun referente do ciclismo galego coa celebración do II Gran Premio Ciclista ORPAGU, unha competición que reunirá na contorna da Sangriña a corredores e corredoras de todas as idades, dende as categorías de base ata elite, sub-23 e máster.   

 A proba, organizada por ORPAGU e o Team Oiense, coa colaboración do Concello da Guarda, forma parte da programación da XXI Festa do Peixe Espada, incorporando unha vertente deportiva a unha das grandes citas gastronómicas do verán na contorna.   

 O Gran Premio disputarase sobre un circuíto urbano de 1,1 quilómetros, no que cada categoría completará un número de voltas adaptado ao seu nivel. As carreiras darán comezo ás 15:00 horas e serán puntuables para a Copa Critérium.   

 Nesta segunda edición, a competición contará ademais cun padriño de excepción: Álvaro Pino, vencedor da Vuelta a España de 1986, cando se cumpren corenta anos dun dos maiores fitos do ciclismo galego. A súa presenza achegará un valor engadido a unha xornada que busca consolidarse dentro do calendario deportivo galego.   

 A localización do circuíto, nunha zona próxima ao centro urbano, permitirá que veciñanza e visitantes poidan seguir as diferentes carreiras dende distintos puntos do percorrido, ao tempo que desfrutan da programación da XXI Festa do Peixe Espada e da oferta gastronómica dos establecementos participantes.   

 O II Gran Premio Ciclista ORPAGU consolídase así como unha cita chamada a medrar edición tras edición, contribuíndo á promoción do deporte base e da competición de alto nivel, ao tempo que dinamiza a actividade da vila durante unha fin de semana de gran afluencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario