CICLISMO
A Organización de Palangreros Guardeses presenta o II Gran Premio Ciclista Orpagu, con Álvaro Pino
• O 25 de xullo A Sangriña vólvese encher de bicicletas, dentro da Festa do Peixe Espada, nunha proba que aspira a ser clásica e que conta coa coorganización de Team Oiense
Mar Bermúdez/A Guarda
Xa hai data, xa hai cartel e xa hai padriño. A Organización de Palangreros Guardeses xunto a Team Oiense presentou este mércores o II Gran Premio Ciclista Orpagu, unha proba que se correrá o 25 de xullo ás tres da tarde no circuíto urbano da Sangriña. Cae en plena Festa do Peixe Espada, así que a vila vai estar xa de por si a rebentar.
Puxeron cara ao evento o vicepresidente de Orpagu, Antolín Verde, e a directora da entidade, Juana Parada, así como o concelleiro de Deportes e Cultura da Guarda, Celso Rodríguez Fariñas. Ao seu lado, un nome que na Guarda e en media Galicia soa só con dicilo: Álvaro Pino. O de Ponteareas gañou a Vuelta a España en 1986. E non llela regalaron. Por diante deixou a Robert Millar, a Sean Kelly, a Pedro Delgado. E cadra ben: este 2026 cúmprense corenta anos daquela vitoria. Quixo pasarse pola presentación xa que o ano pasado non poido facelo e sumarse ao evento.
A carreira puntúa para a Copa Critérium e vaise dar nun circuíto urbano de 1.100 metros. Na organización deportiva colabora o Team Ourense. Correrá case todo o que pedalea: Promesas, Principiantes, Alevíns, Infantís, Cadetes, a categoría Inclusivo, Féminas, Xúniors, Másters, Élite e Sub-23. De rapaces de sete anos a corredores de élite. Ninguén queda fóra porque esa é a razón de ser desta festa deportiva.
Orpagu leva anos co ciclismo de base. Non é cousa deste ano. E co feminino, máis aínda. Un bo exemplo é cartel: son tres mulleres as que o protagonizan e non foi por casualidade.
Hai outra cousa que convén subliñar. A carreira está metida dentro do programa da Festa do Peixe Espada, que tamén organiza Orpagu. Nin unha cousa nin a outra son casuais. A entidade colle a festa grande da vila e vaina engordando ano tras ano, sumándolle actividades ata convertela nunha das citas fortes do verán guardés. O ciclismo é a última en chegar, polo de agora.
E convén lembrar unha cousa. Orpagu é a organización de palangre de superficie máis grande de Europa, pero segue na Guarda. A sede, aquí. O arraigo, aquí. Desde aquí saca adiante iniciativas coma esta: unha carreira ciclista coorganizada por xente do mar, rodando polas rúas da vila.


Ningún comentario:
Publicar un comentario