15 de xul. de 2026

A GUARDA

Levántase a prohibición de baño na praia da Armona tras confirmarse a boa calidade da auga  


Vista da praia da Armona, difundida polo Concello de A Guarda
Foto: CAG

 Infogauda/A Guarda

 A Guarda recupera desde este mércores o baño con total normalidade na praia da Armona, despois de que o Concello recibise a comunicación oficial da Consellería de Sanidade confirmando o levantamento da prohibición temporal que permanecía vixente. 

 A decisión chega tras coñecerse os resultados dos últimos controis microbiolóxicos realizados nas augas das zonas de baño de Galicia, que certifican que a calidade da auga volve situarse en niveis moi bos e cumpre cos parámetros establecidos pola normativa sanitaria.  

 Con esta resolución, a praia da Armona queda novamente aberta ao baño sen restricións, unha vez constatado que as condicións da auga son favorables para o seu uso por parte dos bañistas.

 O Concello da Guarda informou da medida a través das súas canles oficiais e indicou que, desde hoxe, o baño na praia queda restablecido con total normalidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario