A Facultade de Xeografía e Historia vai inaugurar o Espazo Baena, un novo lugar de memoria dedicado a Humberto Baena
• O vindeiro mércores, 16 de xullo, ás 12h na Facultade de Xeografía e Historia da USC (entreplanta entre o primeiro andar e a Biblioteca)
A Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela inaugurará o vindeiro mércores, 16 de xullo, ás 12.00 horas, o Espazo Baena, un novo lugar permanente de memoria dedicado á figura de Xosé Humberto Baena Alonso, antigo estudante desta Facultade e militante antifranquista.
O novo espazo nace co obxectivo de preservar e divulgar a memoria dun membro da comunidade universitaria cuxa traxectoria quedou marcada pola represión da ditadura franquista. Natural de Vigo, Humberto Baena cursou estudos neste mesmo edificio, que naquel momento acollía a Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago de Compostela.
No ano 1975, no tramo final do franquismo, Baena foi sometido a un consello de guerra sumarísimo, condenado a morte e fusilado o 27 de setembro dese mesmo ano. Décadas despois, no marco das políticas de recoñecemento e reparación da memoria democrática, o Goberno de España declarou ilegais, ilexítimos e nulos tanto o tribunal que o xulgou como a sentenza ditada contra el, a través da correspondente Declaración de Recoñecemento e Reparación Persoal.
O acto de inauguración contará coa participación de Flor Baena, irmá de Humberto Baena; da reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras; e do decano da Facultade de Xeografía e Historia, Antonio Míguez Macho, investigador do Grupo Histagra da USC-CISPAC.
A apertura do Espazo Baena supón a creación dun lugar estable de lembranza dentro da institución académica, destinado a recoñecer a figura de Humberto Baena e a reforzar o compromiso da Facultade coa memoria democrática, a investigación histórica e a transmisión do pasado ás novas xeracións.
Coa posta en marcha deste espazo, a Universidade de Santiago de Compostela incorpora á súa paisaxe académica un novo punto de reflexión sobre a defensa das liberdades, a represión política e o papel da comunidade universitaria na conservación da memoria colectiva.

Ningún comentario:
Publicar un comentario