22 de xul. de 2026

DEPORTES

ATLETISMO

Álex Sierpes Pereira conquista o bronce no Campionato de España Sub20 ao aire libre


O atleta guardés Álex Sierpes Pereira nun momento da súa actuación no Campionato de España Sub20 de Pista ao Aire Libre
Foto: Cedida

Infogauda/A Guarda 

 O atleta guardés Álex Sierpes Pereira asinou unha destacada actuación no Campionato de España Sub20 de Pista ao Aire Libre, celebrado os días 17 e 18 de xullo no Estadio de Atletismo do Campus Universitario de Albacete, ao proclamarse medalla de bronce na final dos 1.500 metros lisos 

 A competición desenvolveuse baixo unhas condicións climatolóxicas moi esixentes, con temperaturas que chegaron aos 45 graos, poñendo a proba a resistencia dos participantes. A pesar diso, Álex superou con solvencia a semifinal disputada o sábado, asegurando a súa presenza na gran final do domingo. 

 Na carreira decisiva, o atleta guardés soubo interpretar á perfección unha proba de marcado carácter táctico. Mantívose sempre nas posicións de cabeza e realizou un excelente tramo final para cruzar a liña de meta en terceira posición cun tempo de 3:52.02, un rexistro que lle valeu para subir ao terceiro chanzo do podio nacional.  

 No seu primeiro ano na categoría Sub20, Álex Sierpes confirma así a súa prometedora progresión deportiva cun resultado de enorme mérito. O atleta, natural da Guarda, compite co Vicky Foods Athletics de Valladolid e adéstrase co grupo da Sociedade Atlética do Trega, en Tomiño, consolidándose como unha das novas referencias do mediofondo galego. 

 Este bronce no Campionato de España supón un importante impulso para a súa traxectoria e recompensa o traballo realizado durante a tempada, abrindo a porta a novos retos deportivos nos vindeiros meses.

Ningún comentario:

Publicar un comentario