BALONMÁN FEMININO
O Atlético Guardés faise co talento baixomiñoto de Silvia Leiras
• A central tudense procede do Ikasa Boadilla, que vén dunha grande tempada na División Ouro
• Leiras é a cuarta fichaxe revelada polo Club ata o momento
Redacción Deportes/A Guarda
O Atlético Guardés continúa a pechar os detalles do seu cadro de persoal para o vindeiro curso. Nesta ocasión, o Club desvela o cuarto novo nome entre as súas filas: a tudense Silvia Leiras, que chega procedente dun notable paso pola División de Honra Ouro para traballar por medrar deportivamente preto da casa.
Natural de Tui e compatriota comarcal do equipo, Leiras procede de dúas grandes campañas liderando o xogo ofensivo do Ikasa Boadilla. O conxunto madrileño pelexou por grandes cousas na súa última aventura na División de Honra Ouro, para clasificar na metade alta da táboa ao termo da tempada. Do seu paso pola categoría, ademais dun potencial goleador que elevou ata os 46 acertos o último ano, a primeira liña colleitou unha disciplina táctica que fará valer na súa nova travesía guardesa.
Con 24 anos, a baixomiñota regresa á casa para dar o paso á elite e pechar o círculo que comezou a debuxar na súa época de base. Con ela entre as súas filas, o Atlético Guardés asegúrase proxección, localidade e compromiso, apostando unha vez máis polo novo talento galego que tan ben lle funcionou noutras ocasións.
Silvia Leiras é a cuarta fichaxe anunciada polo Atlético Guardés para o seu proxecto 2026/2027, uníndose a Ana Marín, Aintzane García e Daniela García como novas incorporacións. Todas elas compartirán vestiario coas renovadas Cecilia Cacheda, María Palomo, Cristina Cifuentes, Ania Ramos, Carme Castro, Elena Martínez, Rosane Serrano, Nerea Gil e Sabina Mínguez.
Silvia Leiras: “Faime moita ilusión poder dar o paso á Liga Guerreras e a Europa xogando en Galicia”
A tudense Silvia Leiras explica que está “moi leda” de unirse ao Atlético Guardés e, con iso, “de dar o paso a xogar na Liga Guerreras Iberdrola e en Europa”, o que supón un grande salto de nivel na súa carreira deportiva. Ademais, a central expresa “moita ilusión” por “poder facelo aquí, en Galicia”, e tan preto da súa casa, que comparte comarca co Club.
En canto á súa aportación ao conxunto, Leiras espera sacar desta experiencia a oportunidade de “seguir a medrar como xogadora” ao tempo que aporta “o meu graniño de area para axudar ao equipo a cumprir os seus obxectivo”.
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario