24 de xul. de 2026

TOMIÑO

Tomiño reforza a súa memoria coa catalogación de miles de novos documentos do Arquivo Municipal  

 O Concello ampliará o inventario documental con arredor de 600 caixas e 3.000 expedientes, o que permitirá continuar garantindo a conservación e o acceso á historia administrativa local  


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, con dúas persoas profesionais que están traballando nun novo proceso de organización e catalogación do Arquivo Municipal

Foto:CT

Infogauda/Tomiño 

 A memoria dun municipio constrúese tamén a través de expedientes, planos e documentos administrativos. Co obxectivo de continuar preservando ese patrimonio documental, o Concello de Tomiño pon en marcha un novo proceso de organización e catalogación do Arquivo Municipal, que permitirá incorporar ao inventario arredor de 600 novas caixas e máis de 3.000 expedientes, entre eles a documentación máis recente xerada ata este mesmo ano 2026. 

 Este traballo desenvólvese nas novas instalacións do Arquivo Municipal, situadas no soto do Espazo Isaura Gómez, onde o Concello dispón de dúas salas que suman preto de 170 metros cadrados destinadas á custodia da documentación municipal. Estes traballos supoñen un investimento de case 14.500 euros, cofinanciados con fondos municipais e da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. 

 Na actualidade, o Arquivo Municipal conta con toda a documentación catalogada ata o ano 2016, organizada en 6.710 caixas. Coa incorporación desta nova fase actualizarase o fondo documental, facilitando tanto a xestión administrativa como o acceso á información por parte da cidadanía e das persoas investigadoras. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca que “un arquivo municipal é moito máis ca un espazo onde se gardan documentos. É a memoria viva do Concello e unha ferramenta imprescindible para garantir a transparencia, a seguridade xurídica e o dereito da cidadanía a acceder á información pública”. A rexedora salienta tamén que “seguir investindo na organización e conservación do noso patrimonio documental é investir na historia de Tomiño. Cada documento que catalogamos queda protexido para as xeracións futuras e contribúe a facer unha administración máis eficiente, transparente, moderna e accesible”. 

 O proxecto contempla tanto o tratamento físico da documentación como o seu tratamento intelectual, seguindo a metodoloxía arquivística establecida pola Xunta de Galicia. Os traballos incluirán a limpeza e acondicionamento dos expedientes, a súa clasificación, ordenación, descrición e informatización, garantindo a súa correcta conservación e facilitando a súa localización e consulta. 

 Entre os principais obxectivos desta actuación figuran mellorar a eficacia da xestión municipal, optimizar o uso dos espazos administrativos, evitar a perda de documentos con valor legal, administrativo ou histórico e reforzar o Arquivo Municipal como un servizo especializado ao servizo da cidadanía e da investigación. 

 O Arquivo Municipal de Tomiño leva máis de tres décadas desenvolvendo un proceso continuo de organización e modernización dos seus fondos. A primeira actuación realizouse en 1989 e, desde entón, acometéronse sucesivas fases de ampliación, informatización e adaptación aos novos sistemas de clasificación documental, consolidando un servizo esencial para a conservación da memoria administrativa e histórica do municipio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario