31 de xul. de 2026

A GUARDA

A POLICÍA LOCAL DA GUARDA INFORMA DO PLAN ESPECIAL DE TRÁFICO CON MOTIVO DAS FESTAS DO MONTE SANTA TREGA, 2026 

 O dispositivo estará operativo entre o 3 e o 10 de agosto para garantir a seguridade e o correcto desenvolvemento dos actos programados 


Fonte: Concello A Guarda

Infogauda/A Guarda 

 A Policía Local da Guarda porá en marcha un Plan Especial de Tráfico con motivo da celebración das Festas do Monte Santa Trega 2026, que se desenvolverán entre os días 3 e 10 de agosto. O dispositivo ten como obxectivo garantir a seguridade da veciñanza e das persoas visitantes, así como facilitar o desenvolvemento dos numerosos actos culturais, deportivos e tradicionais previstos durante estas datas. 

 Ao longo das festas estableceranse restricións puntuais á circulación en distintos puntos do municipio, especialmente na contorna da Alameda e da rúa Galicia, onde se concentra boa parte da programación festiva. As medidas incluirán cortes temporais de tráfico, desvíos por vías alternativas e regulación da circulación nos momentos de maior afluencia de público. 

 Como medida xeral, entre o luns, 3 e o domingo, 9 de agosto, ambos os dous días incluídos, a partir das 21:30 horas, permanecerá cortada ao tráfico a rúa Galicia, no tramo comprendido entre os cruces coa rúa República Dominicana (O Galo) e coa rúa Julia Vaquero, habilitándose itinerarios alternativos debidamente sinalizados. 

 Ademais destas restricións xerais, o Plan Especial de Tráfico contempla dispositivos específicos para algunhas das actividades incluídas na programación. A continuación recóllense as principais afeccións ao tráfico derivadas dos actos que requiren un dispositivo específico: 

LUNS 3 DE AGOSTO – I MILLA URBANA DAS FESTAS DO MONTE 

 Con motivo da celebración da I Milla Urbana das Festas do Monte Santa Trega, a partir das 17:00 horas cortarase o tráfico na rúa Galicia, entre o cruce desta coa rúa Julia Vaquero e a rúa Puerto Rico no cruce desta coa Baixada á Praia, desviándose a circulación por vías adxacentes, abríndose o tráfico á circulación unha vez rematada a proba. 

MÉRCORES 5 DE AGOSTO – DESFILE DE TRAXES REXIONAIS

 O Desfile de Traxes Rexionais implicará restricións de circulación desde as 18:30 horas, coincidindo co percorrido das agrupacións participantes. A partir desta hora pecharase o tráfico rodado na rúa Galicia, entre os cruces desta coa rúa República Dominicana e coa rúa Julia Vaquero, desviándose a circulación por vías secundarias. 

 O percorrido do desfile dará inicio na Alameda, continuando polas rúas Galicia, Vicente Sobrino, Brasilino Álvarez, Concepción Arenal e rúa Porto, finalizando no Auditorio de San Bieito.

 Así, o acceso ao porto a partir desa hora deberá realizarse polo acceso sur, chegando ao mesmo a través das rúas Manuel Álvarez, Circunvalación e Fernández Albor, atopándose igualmente cortado ao tráfico o acceso á rúa Porto dende a rotonda do Monumento ao Mariñeiro. 

 A duración deste plan especial de tráfico dependerá do tempo que tarde o percorrido pola zona do desfile, sendo as 21:00 horas aproximadamente a estimación prevista para dita finalización. 

SÁBADO 8 DE AGOSTO – DESFILE FOLCLÓRICO E DE BANDAS MARIÑEIRAS 

 Durante o tradicional Desfile de Bandas, a partir das 11:00 horas, habilitarase un dispositivo especial con cortes de tráfico nas rúas Galicia, entre os cruces desta coa rúa República Dominicana e coa rúa Julia Vaquero, desviándose a circulación por vías secundarias. 

 O percorrido das bandas dará inicio na Alameda, continuando pola rúa Concepción Arenal, atravesando a praza de Avelino Vicente, rúa Porto e finalizando na rotonda do Monumento ao Mariñeiro. 

 Así mesmo, o acceso ao porto a partir desa hora deberá realizarse polo acceso sur, chegando ao mesmo a través das rúas Manuel Álvarez, Circunvalación e Fernández Albor, atopándose igualmente cortado ao tráfico o acceso á rúa Porto dende a rotonda do Monumento ao Mariñeiro. 

 A duración deste plan especial de tráfico dependerá do tempo que tarde o percorrido das bandas pola zona do desfile, sendo as 14:00 horas aproximadamente a estimación prevista para dita finalización. 

DOMINGO 9 DE AGOSTO – SUBIDA AO MONTE SANTA TREGA

 Con motivo da tradicional Subida ao Monte, para facilitar a subida das bandas e evitar que circulen vehículos e peóns nunha mesma vía, así como para evitar a saturación con estacionamentos indebidos, prohibirase o paso de vehículos a partir das 11:00 horas, tanto dende o cruce da subida ao monte coa estrada provincial á altura do Centro Cultural como dende o acceso ao monte por San Amaro sentido Chans. 

 Permitirase o paso unicamente para o estacionamento no aparcadoiro de Chans novo ou, en casos de urxencias ou forza maior, debidamente valorados polos axentes que se atopen nos puntos de control, igualmente permitirase o paso, sempre coa obriga de retirar o vehículo nun período máximo de 30 minutos polo mesmo punto polo que se accedeu. 

 O acceso de autocares ao monte estará prohibido en calquera caso dende ás 8:00 horas. 

 Establecerase unha bolsa de estacionamento no campo de fútbol de Chans novo. 

 En todo o acceso dende San Amaro pola pista forestal, sendo única vía de evacuación en caso de emerxencia, quedará terminantemente prohibido o estacionamento e a detención de vehículos. 

 Despois das 19:00 horas e dende que se inicie o descenso de Bandas, a saída de vehículos realizarase imperativa e exclusivamente por San Amaro, accedendo á estrada PO-352 (Estrada de Camposancos). 

 O Concello da Guarda solicita á veciñanza e ás persoas visitantes a súa colaboración, recomendando planificar os desprazamentos con antelación, utilizar os itinerarios alternativos habilitados e seguir en todo momento as indicacións da Policía Local e do persoal de Protección Civil. 

 Así mesmo, agradece a comprensión ante as molestias que estas medidas poidan ocasionar, necesarias para garantir a seguridade e o correcto desenvolvemento das Festas do Monte Santa Trega, 2026.

Ningún comentario:

Publicar un comentario