6 de xuño de 2026

OIA

O Real Mosteiro de Oia conmemora o 95 aniversario da súa declaración como Ben de Interese Cultural e presenta a súa Memoria de Sostibilidade 

• Máis de 80 persoas participaron nunha xornada que puxo en valor a historia, o patrimonio e o futuro do monumento.


Na imaxe, de esquerda a dereita: Santiago Pintos, arquitecto director do proxecto de recuperación do Mosteiro; Xoán Martínez, director do Mosteiro de Oia e presidente do Padroado da Fundación Bretal; Cristina Correa, alcaldesa de Oia; e Ángel Miramontes, director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia

Nuria Rodríguez/Oia

 O Real Mosteiro de Santa María de Oia celebrou este sábado unha xornada conmemorativa con motivo do 95 aniversario da súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), unha distinción outorgada mediante o Decreto do 3 de xuño de 1931 e que hoxe equivale á máxima figura de protección patrimonial. 

 A actividade reuniu a máis de 80 asistentes nunha cita aberta á cidadanía que permitiu, por primeira vez e grazas ao acordo co bispado Tui-Vigo, percorrer e descubrir de forma conxunta algúns dos espazos máis emblemáticos do conxunto formado pola igrexa e o mosteiro, reforzando o vínculo entre o patrimonio e a sociedade.

 A xornada comezou no embarcadoiro de Oia cunha benvida e unha contextualización histórica sobre a importancia desta conmemoración. A continuación, os participantes realizaron un percorrido guiado polo Arrabal, a igrexa e o Mosteiro, profundando no valor histórico, artístico e cultural dun dos conxuntos patrimoniais máis singulares de Galicia.

 O programa incluíu ademais a actuación da cantante, música e compositora galega Su Garrido Pombo, cuxa proposta artística, profundamente vinculada á memoria, as raíces e a tradición oral galega, achegou unha dimensión emocional á celebración.  

 O acto culminou na Praza de Armas cunha cerimonia institucional na que participaron Cristina Correa, alcaldesa do Concello de Oia; Ángel Miramontes, e Anxo Lorenzo, director xeral de Patrimonio Cultural e director xeral de Cultura respectivamente, da Xunta de Galicia; e Xoán Martínez, director do Mosteiro e Presidente do Padroado da Fundación Bretal.


Un momento da actuación da cantante, música e compositora galega Su Garrido Pombo
As persoas visitantes nun momento da visita, ollando os pormenores do Patio das Laranxeiras 

Un recoñecemento histórico que cumpre 95 anos 

 A declaración de 1931 supuxo un fito fundamental para a protección do patrimonio cultural español. A través daquel decreto, 789 bens pasaron a formar parte do patrimonio protexido do Estado. Entre eles figuraban catro referentes patrimoniais do Baixo Miño: a Catedral de Tui, o Convento de Santo Domingo de Tui, o Castro do Monte Santa Trega e o Real Mosteiro de Oia. 

 No caso do mosteiro, este recoñecemento foi posible grazas ao traballo de investigación, divulgación e defensa impulsado por Juan Rey Iglesias, párroco de Santa María de Oia, cuxa labor resultou decisiva para lograr a protección oficial do monumento. Noventa e cinco anos despois, esta conmemoración serve para lembrar a importancia de preservar, estudar e difundir un legado que forma parte da identidade cultural de Galicia.

Dispoñible a VI Memoria de Sostibilidade 

 Coincidindo con esta conmemoración, o Real Mosteiro de Oia publicou a súa nova Memoria de Sostibilidade 2025, un documento que recolle os principais avances do proxecto, as actuacións desenvolvidas durante o último exercicio e os retos que marcarán as próximas fases de recuperación e posta en valor do monumento. 

 A publicación reflicte o compromiso continuado do Mosteiro coa conservación patrimonial, a sostibilidade, a investigación, a divulgación cultural e a apertura progresiva do conxunto á sociedade. 

 A VI Memoria de Sostibilidade xa pode consultarse e descargarse aqui: https://www.mosteirodeoia.com/wp-content/uploads/2026/05/Memoria-de-Sostibilidade-RMO-2025-GAL.pdf

Ningún comentario:

Publicar un comentario