A XUNTA DE GALICIA INVISTE MÁIS DE 450.000 EUROS NA FORMACIÓN DE 20 PERSOAS DESEMPREGADAS NA GUARDA
• Esta iniciativa formará a un total de 20 persoas desempregadas nas especialidades de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e albanelaría
• Na provincia de Pontevedra foron aprobados este ano 24 destes obradoiros o que supón un investimento total de preto de 11 millóns de euros
Infogauda/A Guarda
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá as persoas participantes no obradoiro dual de emprego ‘Manuel B. Portela XI’, no concello da Guarda, que conta cun investimento da Xunta de 454.552 euros.
O obradoiro conta cunha duración de nove meses e permitirá que un total de 20 persoas desempregadas combinen formación teórica cun traballo efectivo nas especialidades de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e albanelaría, obtendo ao remate unha cualificación profesional que mellore as súas oportunidades de inserción laboral.
Na súa quenda de palabra, Pablo Fernández puxo de relevo o firme apoio do Goberno galego á aprendizaxe dual, un sistema que facilita que as persoas en situación de desemprego compaxinen a teoría cun posto de traballo real con utilidade pública.
O delegado subliñou que se trata dun obradoiro que permitirá integrar no mercado laboral a persoas formadas nun sector que conta cunha gran demanda de traballadores: “Creo que con esforzo e dedicación todos os que estades aquí poderedes atopar un posto de traballo. Hai moitas empresas que precisan persoal cualificado e nos obradoiros duais de emprego ofrécese unha formación de primeiro nivel que vos habilita perfectamente para este traballo”, asegurou.
Fernández destacou que na provincia de Pontevedra concedéronse este ano un total de 24 destes obradoiros, que permitirán formar a máis de 450 persoas desempregadas, grazas a un investimento da Xunta de case 11 millóns de euros.

Ningún comentario:
Publicar un comentario