O Xeodestino Galicia Suroeste e o Concello de Tomiño inician as obras para a creación do primeiro Centro de Recepción de Visitantes do Xeodestino
• O club de produto de Galicia Suroeste contará con estas instalacións para recibir a todas as persoas que desexen coñecer o destino e afondar na riqueza do seu sector primario.
• A construción do centro de recepción será un referente para todas as empresas locais que formen parte do Club de Produto de Galicia Suroeste.
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño e o Xeodestino Galicia Suroeste veñen de anunciar o comezo das obras a vindeira semana, para a creación do primeiro Centro de Recepción de Visitantes do destino turístico, que será construído na parroquia tomiñesa de Goián.
A posta en marcha desta iniciativa responde á necesidade de contar cun espazo que impulse a colaboración e xere sinerxías entre as empresas do territorio, sector primario e gastronómico, operadores de servizos básicos (aloxamentos, restauración, transporte...), complementarios, (información turística, tendas especializadas, servizos de ocio...) e especializados, (guías e interpretación de recursos...), para poder desenvolver un novo produto de base local que podas ser promocionado e que diferencie a Galicia Suroeste do resto de destinos turísticos.
Para acadar estes obxectivos, está en marcha desde fai meses a creación do Club de Produto Turístico, vinculado ao sector primario do Baixo Miño, cuxa finalidade última é a constitución dun órgano xestor que opere de interlocutor único do produto turístico a nivel nacional e internacional. Este concepto de Club de produto permite a participación á todos os axentes e operadores implicados na cadea de valor do produto turístico sostible que desde o Xeodestino se quere ofrecer.
Durante o proceso de constitución e posta en marcha do Club de Produto Turístico, como parte do proceso de interacción, consulta e capacitación cos empresas implicadas, xurde a necesidade de dotar ao territorio cun Centro de Recepción de Visitantes, ao efecto de centralizar a articulación conxunta das experiencias e as actividades turísticas complementaria dos operadores que traballan o destino Galicia Suroeste, e máis concretamente no Baixo Miño, motivo polo cal a creación do centro localízase en Goián, parroquia que responde a moitas das necesidades detectadas: localizada nunha vía de comunicación principal para todo o Baixo Miño, próxima á ponte internacional que comunica con Portugal e nas inmediacións do maior desenvolvemento do sector agrario de todo o territorio.
O centro suporá unha infraestrutura estratéxica destinada a reforzar a proxección turística, cultural e ambiental do xeodestino, concibido como porta de entrada ao territorio. Ofrecerá información sobre os recursos naturais, patrimoniais, gastronómicos e culturais así como servizos de apoio ás empresas que formarán parte do Club de Produto de Galicia Suroeste.
Contará con zonas expositivas, área de atención ao público, sala polivalente para eventos e actividades, e espazos exteriores integrados na paisaxe. As obras, estarán rematadas este verán e son financiadas a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) A Despensa de Galicia, Fondos Next Generation - UE, xestionados por Galicia Suroeste.
O Concello de Tomiño pola súa parte, ten posto a disposición de Galicia Suroeste os terreos, e asumido custes correspondentes con traballos técnicos, así como servizos básicos e acondicionamento da contorna.

Ningún comentario:
Publicar un comentario