BALONMÁN FEMININO
O Guardés despide a liga regular na casa este sábado ante o Elda
• O equipo baixomiñoto recibirá este sábado ao Elda Prestigio (19.00 horas) no derradeiro encontro da fase regular ligueira na Sangriña
• As de Ana Seabra precisan dos dous puntos para manterse entre os catro primeiros de cara a eliminatoria que comeza o 29 deste mes
• A convocatoria volverá ser de 14 xogadoras, coa única baixa de Elena Martínez
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés despedirá a fase regular da Liga Guerreras Iberdrola como anfitrión este sábado. Dese xeito, ás 19.00 horas, as de Ana Seabra recibirán a un Elda Prestigio necesitado de puntos para saír da fase final de competición polo descenso, mentres elas mesmas loitarán para manterse entre os catro primeiros da clasificación. O Guardés afróntao coas mesmas 14 xogadoras do pasado martes, coa única baixa de Elena Martínez.
O equipo baixomiñoto chega co obxectivo claro de seguir medrando. O martes A Sangriña puido vivir a confirmación da súa recuperación cunha vitoria de categoría ante o Rocasa Gran Canaria, despois de que as súas mantiveran o pulso no momento crítico tras moitos minutos de equilibrio entre ambos rivais (25-21). Os dous puntos supuxeron non só avances de cara a asegurar unha praza entre os catro primeiros clasificados, que gozarán de vantaxes de pista na eliminatoria polo título, senón que significaron máis ben un salto de confianza nun Guardés que viña dunha serie de resultados ligueiros negativa. Este sábado, tratará de manter as boas sensacións na casa para despedir a liga regular ante os seus cunha nova alegría.
A convocatoria contribúe ás perspectivas ao manterse nutrida, coa única baixa de Elena Martínez. A lateral mislateña xa ten os resultados das probas realizadas a pasada semana, que revelan unha lesión de tipo muscular pola que segue a precisar algo máis de repouso, para o cal a vindeira semana, de parón internacional, será un grande recurso. Este sábado Ana Seabra contará con 14 xogadoras, un número satisfactorio para realizar rotacións abondo que poidan dar algo de osíxeno a un plantel para o que, a partir do parón, coa semifinal europea e o comezo da eliminatoria ligueira, a carga de partidos decisivos aumentará de xeito moi marcado.
Pola súa parte, o Elda Prestigio chega igualmente necesitado de puntos. En décima posición, as de Bea Escribano loitan por obter os tres que o separan do KH-7 Granollers, noveno e escapando por tanto das prazas que deberán loitar por non descender no play-down. Fixeron grandes méritos por iso as alacantinas nas últimas semanas, aínda que a clasificación non o reflicta tanto, con vitorias de orgullo ante Rocasa (24-16), Málaga (25-20) ou Aula (30-20), un empate co Porriño (27-27) e derrotas moi traballadas que poderían ter rematado con algún punto nos seus duelos contra Bera Bera (26-25) ou Elche (22-21).
A realidade é que o Elda, esquecendo a táboa, é máis que capaz de poñer as cousas difíciles a rivais que a priori fixeron mellor tempada. O equipo non se viu tan afectado na segunda volta como apuntaba inicialmente a saída de José Ignacio Prades do banco a principios de ano, pois a súa segunda ata entón, Beatriz Escribano, soubo recoller a testemuña coma primeira adestradora con satisfacción notable. É por todo iso que o Guardés non pode confiarse ante un equipo ao que xa foi capaz de vencer esta tempada (19-22, xornada 12), aínda co factor pista ao seu favor, pois o conxunto alacantino chegará con ganas de amosar a súa nova cara e de certificar unha das vitorias que precisa para a salvación.
Ana Seabra: “O noso obxectivo é estar enfocadas ao 200% antes do parón”
A adestradora do Guardés, Ana Seabra, deixa claros os seus obxectivos para este derradeiro partido da fase regular na casa: “Queremos consolidarnos entre os catro primeiros”. Para iso, a chave estará en grande medida na xestión do cansazo, malia o que denomina coma un “calendario cargado”. “O noso obxectivo - afirmou - é estar ao 200% enfocadas antes do parón internacional”, deixando os deberes feitos na medida do posible de cara ao exame que comeza a mediados deste abril.
“Enfrontarémonos a un Elda distinto ao do noso primeiro encontro esta tempada”, indica Seabra, confirmando o bo momento do rival alacantino. A técnica ve ao Elda que chegará á Sangriña coma “un equipo con moita calidade” que, sumado ao decisivo do partido, leva que “non poidamos permitirnos relaxarnos” para seguir medrando.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 25
Mecalia Atlético Guardés – Elda Prestigio
Sábado, 4 de abril | 19.00 horas | Pavillón da Sangriña
Retransmisión en directo pola canle de YouTube do Club Balonmán Atlético Guardés:

Ningún comentario:
Publicar un comentario