15 de mar. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés desínflase e cede o Derbi (18-27) 

O equipo baixomiñoto volveu caer este domingo, esta vez no Derbi As Nosas e na Sangriña, tras ser inferior ao Porriño en todo momento 

As de Ana Seabra non estiveron mal do todo en defensa, levantadas por Sabina Mínguez baixo paus, aínda que o ataque non funcionou desde o principio, con pases arriscados, perdas non forzadas e moi pouca efectividade. A defensa da portería rival de Ferrarín (19 paradas) tampouco contribuíu 

A pesar de recuperar ás lesionadas, ningunha delas sumou minutos. Elena Martínez saíu do 40x20 no inicio por molestias no xeonllo, de modo que o Guardés contou hoxe só con 11 xogadoras. Téllez xogou co xemelgo tocado 

As 8 paradas de Mínguez, e os 5 goles de Sempere, os destacados do Guardés 


Rosane Serrano lanzando á bóla en dirección á porta visitante
Foto: SportCoeco


Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés volveu tropezar, esta vez de maneira se cabe máis preocupante. As de Ana Seabra estiveron irrecoñecibles no Derbi As Nosas deste domingo na Sangriña, regalando o encontro a un Porriño que logrou a vitoria tamén por méritos propios. Aínda que o traballo defensivo local deixou bos momentos, ás anfitrioas volveron lastrar a pouca efectividade para a portería -Isa Ferrarín puido sumar 19 paradas-, así como as présas no ataque que desembocaron en máis de dez perdas. Tan só Mínguez, con oito paradas, e Sempere, con cinco goles, deixaron algunha luz destacable entre as filas guardesas. Aínda que o bloqueo á hora de entrar no partido foi evidente, o equipo baixomiñoto volveu sufrir as consecuencias dun cadro de persoal moi curto, pois aínda que as lesionadas volveron á convocatoria ningunha delas xogou e sumouse ás ausencias Elena Martínez por molestias no xeonllo. Tamén Lorena Téllez xogou co xemelgo tocado. 

 O primeiro gol do encontro chegou da man de María Palomo, despois de senllos intentos errados por parte de ambos os bandos nos dous minutos anteriores. O Guardés ofrecía unha defensa férrea e moi atenta na súa saída á pista, poñendo ao Porriño moi complicada a penetración cara á súa portería e recuperando a posesión con acerto. A resposta non chegou ata dous minutos despois, de man de Carolina Bono, que marcaba o empate (1-1, min. 4).  

 Zsembery puxo a dianteira para as porriñesas outros compases máis tarde desde os sete metros, e foi entón cando o ritmo de xogo comezaba a aumentar. Excluíron a Lorena Téllez primeiro por unha acción defensiva, e Laguna aproveitouse da inferioridade para completar a faena e seguir facendo crecer ás súas. Un cambio mal executado causou unha segunda inclusión entre as filas guardesas, e o Mecalia quedou con cinco mentres os goles rivais seguiron chegando para complicar aínda máis as cousas (1-4, min. 9). 

 Respondeu soamente María Sancha, aínda que o Porriño puido beneficiarse algo máis da diferenza de efectivos para replicar a renda de tres goles (2-5, min. 10). A partir deste intre a situación de partido púxose moi preocupante para un Mecalia que vía aparecer os problemas de efectividade que o lastraban nos últimos partidos. O encontro pasou a xogarse agora nas porterías e Sabina Mínguez nuns paus e Isa Ferrarín nos outros chegaron ás catro e seis paradas, respectivamente, deixando o luminoso sen cambios durante cinco minutos completos. 

 A seca rompeuna Bono, que marcaba o seu segundo para ameazar con abrir o oco aínda máis a favor das visitantes. Pero o Guardés pareceu espertar e conseguiu culminar algunhas accións, aínda que sen o resultado esperado: o conxunto porriñés, superior e máis atento, aproveitouse de varios riscos locais para levar a vantaxe a novos máximos (4-8, min. 19). 

 Ana Seabra solicitou o tempo morto para tratar de facer entrar en razón ás súas, que respondían con solvencia en defensa -e apoiadas por unha Mínguez que estaba a ser un salvavidas ante a rede- pero seguían precipitándose no xogo ofensivo e concedendo cando non podían permitirllo. Produciu efecto, pero de maneira retardada, pois aínda que a continuación chegou co gol da vantaxe a 5 goles das porriñesas, o anfitrión conseguiu confeccionar por fin un 3-2 que as deixaba con opcións para os cinco minutos previos ao descanso (7-10, min. 25). Isma Martínez parou agora o crono para evitar a crecida local que xa se temía.  

 E aínda que o Guardés reaccionaba un pouco mellor nestes compases finais desta primeira metade, seguía facendo unicamente iso: reaccionar, con dificultades e moito esforzo fronte a un rival que levou a tixola polo mango en todo momento. As porterías foron cruciais para que non fose a máis, pero o ecuador do partido chegou cun novo 1-2 que deixaba a renda visitante en catro goles, unha montaña difícil de escalar para un anfitrión que non vivía o seu mellor día en casa. 

 Pero continuou coa mesma dinámica o partido ao regreso, inaugurándose a segunda parte cun mortal 0-4 que deixaba ao Porriño dobrando en goles ao equipo baixomiñoto (8-16, min. 33). Ana Seabra volveu parar o tempo, tentando remover algo no interior das súas, pois todo apuntaba ao desastre se continuaba o seu bloqueo.  

 E así foi, pois o rival porriñés pechou filas e a súa defensa converteuse nun fortín infranqueable. Aínda por riba, nas raras ocasións en que algunha guardesa conseguía probar sorte cara á rede rival, Isa Ferrarín impedíao, pois a porteira acumulaba xa 13 paradas que pesaban como unha laxa nas posibilidades locais. Como resultado, o marcador mantívose sen cambios dez minutos despois (12-20, min. 42). 

 Puido reducir a vantaxe nun tanto o equipo da Sangriña agora, valéndose de varias perdas dun Porriño que neses momentos pecaba máis que na primeira parte. Claro que o folgado da súa vantaxe brillaba por encima de calquera erro, deixando ao Guardés sen opcións grazas a un gran traballo defensivo (15-22, min. 48).  

 Conseguiu recortar outro máis o Mecalia a base de picar pedra. Desinfláronse un pouco as visitantes e cederon para que o Guardés quedase agora a seis, aínda que aínda lonxe de calquera milagre nos cinco minutos de peche (18-24, min. 55). Martínez, polo si ou polo non, utilizou o seu segundo tempo morto.  

 E non só non chegou o milagre, senón que foi o anfitrión agora quen terminou de afundirse para ceder na derrota. Mínguez non puido defender as últimas accións visitantes, despois de levar ás súas costas todo o peso de evitar que a distancia no marcador seguise incrementándose, e o Porriño pechou o partido cun 0-3 devastador con acerto de Ferrarín a portería baleira incluído, xunto con outro par de paradas da mesma, que chegou ás 19 nun encontro no que foi auténtica protagonista (18-27, final).  

 Volveu quedar curto o persoal dun anfitrión que, a pesar de recuperar na convocatoria ás lesionadas das últimas semanas, ningunha delas sumou minutos ao tratarse dun partido tan complexo e sen recuperar aínda a confianza en pista. Sumouse á lista de ausencias, ademais, Elena Martínez, que xogou unicamente os dous primeiros minutos para retirarse por molestias nun xeonllo; polo que o Guardés enfrontou todo o encontro con soamente 11 xogadoras dispoñibles. En calquera caso, o equipo baixomiñoto volveu tropezar. Esta vez cunha pedra moi grande, e deberá facer un exame de conciencia nos próximos días se quere saír airoso do triplo duelo ligueiro e europeo que lle espera nas dúas semanas seguintes ante o Atticgo BM Elxe.  

Mecalia Atlético Guardés (8+10): Sabina Mínguez (p.), África Sempere (5), Jazmín Mendoza (1), Blazka Hauptman (1), Lorena Téllez (2), Cecilia Cacheda, María Palomo (1), Rosane Serrano (3), Elena Martínez, Carme Castro (2), Nerea Gil, Ariana Portillo, María Sancha (1), Ania Ramos (2) e Amandine Balzinc (p.).  

Conservas Orbe Zendal Balonmán Porriño (12+15): Adriana Mallo (2), Ekaterina Zhukova (1), Carolina Bono (8), Juliana Nunes, Alicia Campo, Iria Augusto (1), Isabel Ferrarín (1) (p.), Julia Figueira (1), Viktoria Zsembery (3), Bruna Dias (2), Ana Belén Palomino (p.), Aroa Fernández, Adriana Rial, Carmen Prelchi (1), Ugazi Manterola (1) e Lucía Laguna (6).  

Marcador cada cinco minutos: 1-1, 2-4, 2-5, 4-9, 6-10, 8-12, 9-16, 10-19, 13-20, 15-22, 18-24, 18-27.  

Árbitros: Jesús Escudeiro e Jorge Escudeiro. Amoestaron con tarxeta amarela á local María Palomo e ás visitantes Alicia Campo e Adriana Mallo e excluíron con dous minutos ás locais Lorena Téllez, Rosane Serrano, María Palomo e Blazka Hauptman e ás visitantes Carmen Prelchi e Carolina Bono. 

Incidencias: Partido de vixésimo segunda da liga Guerreras Iberdrola 2025/2026, disputado no pavillón municipal da Sangriña. Antes de comezar interpretouse en directo o himno de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario