9 de mar. de 2026

DEPORTES

 BALONMÁN FEMININO

Dispoñibles xa as entradas para cuartos de final da EHF European Cup na Sangriña 

O Guardés saca á venda as entradas para o próximo encontro de ida de cuartos de final da competición europea, que terá lugar o sábado 21 de marzo ás 19.00 horas na Sangriña contra o Atticgo BM Elche  

As entradas poden adquirirse na oficina do Club dende este luns, cun prezo xeral de 25 euros para non abonados e de 15 euros para quen si teña abono. Os abonados poderán sacar unha entrada adicional ao mesmo prezo reducido sen necesidade de ensinar un segundo carné 

Os socios de número terán entrada de balde, aínda que deberán recoller o seu convite igualmente xa sexa na oficina ou na taquilla

 



Redacción Deportes / A Guarda 

 O Mecalia Atlético Guardés prepárase para continuar co soño europeo na casa. Este luns, o equipo baixomiñoto sacou á venda as entradas para o primeiro partido de cuartos de final da EHF European Cup, que disputará o vindeiro sábado 21 de marzo ás 19.00 horas na Sangriña ante o Atticgo BM Elche. As entradas poden adquirirse xa na oficina do Club ou a través da plataforma en liña Cluber, a diferentes prezos de venda segundo o tipo de afeccionado e o número de entradas. 

 O Guardés espera unha nova xornada festiva coa que seguir celebrando a súa presenza en Europa e apoiándose da súa afección para financiar a mesma. O partido, coma xa acontecera coa fase Last 16, será retransmitido en directo pola Televisión de Galicia, e comezará ás 19.00 horas. A taquilla abrirá unha hora antes, se ben dende este luns 9 de marzo, a falta de dúas semanas, están xa dispoñibles as entradas para tódolos afeccionados a recoller na oficina do Club de ata o venres en horario de 17.00 a 20.00 horas. 

 De novo, a entidade baixomiñota diferenciou os prezos das entradas segundo o tipo de afeccionado, se ben baixouno con respecto á fase anterior para todos eles. O prezo de entrada xeral para os non abonados será de 25 euros, sen distincións entre idades. Estas poden adquirirse xa a partir da tarde deste luns na oficina, o día do partido na taquilla ou na plataforma en liña Cluber: https://app.cluber.es/legacy/clubes/b84295873d95a8a4fb331b3b487c16e3cb4794ea/pagos/69aa87bf0ecd1195024090

 Pola súa parte, os abonados volven obter algunhas vantaxes. Cabe lembrar que ningún dos distintos tipos de abono anunciados en agosto inclúe a competición europea, polo que o Club reservou para eles un prezo reducido de 15 euros sen distinción entre idades. De novo, os abonados poderán obter as súas entradas ben na oficina durante a semana ou ben o sábado en taquilla, pero non hai opción de compra online para abonados, polo que a ligazón de Cluber non é válida para este caso. Ademais, como oferta adicional exclusiva á venda anticipada, cada abonado poderá mercar unha segunda entrada ao mesmo prezo sen necesidade de ensinar un segundo carné.  

 Os socios de número, por último, si teñen incluído o acceso a tódalas competicións nos seus carnés. Non terán que pagar entrada para este sábado, se ben deberán recoller un convite para poder acceder, xa sexa durante a semana na oficina ou o mesmo sábado en taquilla. 

 Os menores de 12 anos, independentemente de se son abonados ou non, terán entrada gratuíta ao partido, como é habitual tamén nos encontros de Liga. 

Táboa completa coas distintas opcións de entrada e onde adquirilas: 



 Aínda que, a excepción da oferta de entrada adicional por 15 euros para abonados, tódolos tipos de entrada poden recollerse o sábado en taquilla, o Club agradece que, na medida do posible, os afeccionados recorran á venda anticipada e adquiran as súas entradas na oficina ao longo destas semanas para liberar a taquilla todo o posible o sábado e asegurar un acceso puntual ao pavillón.  

AXENDA 

EHF European Cup | Cuartos de final – Ida  

Mecalia Atlético Guardés – Atticgo BM Elche  

Sábado, 21 de marzo | 19.00 horas | A Sangriña  

Retransmitido en directo a través da Televisión de Galicia e agalega.gal

Ningún comentario:

Publicar un comentario