12 de mar. de 2026

A GUARDA

O ABANDONO DE CARRERO NA XESTIÓN DO LIXO VAI PROVOCAR SANCIÓNS QUE ACABARÁ PAGANDO A VECIÑANZA   

Anxo Lois Baz (BNG): “é preciso separar e separar ben para protexer o medioambiente, pero tamén por unha cuestión económica, e o goberno de Carrero segue sen darse por enterado”  


Anxo Lois Baz Vicente, portavoz municipal do BNG
Foto: Cedida

Infogauda / A Guarda

 “A actual  xestión do lixo ocasiona perdas para o concello que antes ou despois van provocar sancións por non cumprir a  lei 7/2022 de residuos e solos contaminados para unha economía circular que obriga a ter unha ordenanza e un regulamento adaptados para que o servizo non sexa deficitario. Enfrontar este problema debía ser unha prioridade para o goberno municipal tanto por cuestións ambientais como económicas.  

 Desenvolver con eficacia un modelo de separación dos residuos orgánicos podería chegar a reducir a factura que se paga a SOGAMA pola recollida do lixo entre un 30 e un  50%. No ano 2025 esta factura ascendeu a 317.459 €.   

 A separación da fracción do lixo orgánico a través do colector marrón -opción pola que se decantou este goberno no casco urbano- require como veñen alertando distintos informes técnicos municipais dunha ordenanza que a regule. Tamén se  precisa dunha campaña explicativa intensa para que a sociedade colabore activamente neste novo modelo abaratando o custe do servizoEsa é, de xeito abreviado, a análise que vén de facer pública o Grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG).

 O portavoz municipal do BNG, Anxo Lois Baz Vicente manifestou: “O alcalde da Guarda, Roberto Carrero leva dous anos de atraso na xestión do lixo. No último pleno o concelleiro encargado desta área manifestou  que o obxectivo do goberno era tentar chegar a un 3% na separación de residuos orgánicos o que resulta a todas luces insuficiente e vai provocar antes ou despois sancións que acabaran sendo pagadas  por  todos os guardeses e guardesas. Logo o alcalde acabará botándolle  a culpa a Europa, ao estado, a oposición ou a todos xuntos cando el e o seu goberno son os únicos responsábeis”.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario