10 de mar. de 2026

A GUARDA

A Guarda volverá contar con representación no Desfile de San Patricio de Madrid  

Acudirán máis de 60 integrantes, entre o Grupo de Gaitas do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda, e a Treboada Arroutada 


Integrantes do Grupo de Gaitas do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda e da Treboada Arroutada, nun momento do ensaio previo a súa participación no Desfile de San Patricio de Madrid, 2026
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 A Guarda contará con representación no gran Desfile de San Patricio de Madrid 2026. O Grupo de Gaitas do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda participará por segundo ano consecutivo no desfile que percorre a Gran Vía madrileña. Esta vez, irán acompañados coa Treboada Arroutada.  

 Un total de 47 membros do Grupo de Gaitas do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda desprazaranse a Madrid a próxima fin de semana. Para Eduardo Rodríguez Sobrino, director do Grupo de Gaitas do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda, o desfile do ano pasado foi “un acto moi importante para desfrutar da música tradicional”, e este ano, “aumentamos o número de xente, cuns dez membros máis para esta viaxe”.  

 A secretaria do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda, Ángela Martínez, cree que é un orgullo para os socios, e para A Guarda ser recoñecida como tal e  cos seus grupos de gaitas”. Ademais, lembrou que “o apoio e colaboración do alcalde é moi importante porque se non, non se podería ir”.  

 O alcalde Roberto José Álvarez Carrero acudiu a un dos últimos ensaios do grupo antes da súa marcha este venres para mostrar o seu “apoio a unha iniciativa que dá gran visibilidade á nosa vila, ademais dun orgullo de que representen e compartan a nosa cultura”.  

 O ensaio realizouse en conxunto coa Treboada Arroutada que viaxará con 17 membros ao desfile. O presidente da Asociación Arroutada, Óscar Barbosa, confesa que “foi un orgullo recibir a invitación do Grupo da Terceira Idade para ir ao desfile e así poder darlle visibilidade a unha tradición arraigada no Baixo Miño como as treboadas”.  

 O desfile dará comezo ás 17:00h o próximo sábado 14 de marzo na Gran Vía de Madrid, e será multitudinario, con máis de 40 bandas participantes. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario