9 de mar. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés recupera o partido adiado na casa do Beti-Onak 

O equipo baixomiñoto visita este martes ao Replasa Beti-Onak (19.00 horas) para  disputar o encontro de décimo novena xornada adiado no seu momento 

Ademais de inaugurar a recta final ligueira para o Mecalia, o partido poderá servir coma ensaio para a Copa de la Reina, onde ambos rivais cruzaranse nos cuartos de final 

Viaxaron as mesmas 13 xogadoras das últimas convocatorias 



María Sancha, capitá do  Mecalia Atlético Guardés, nunha acción sobre á porta visitante, nun encontro no pavillón municipal A Sangriña  

Foto: SportCoeco 

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés diríxese á recta final ligueira recuperando un encontro pendente. Este martes, as de Ana Seabra visitan ao Replasa Beti-Onak navarro (19.00 horas) para disputar a décimo novena xornada, adiada no seu momento a petición do anfitrión, e que supón o seu primeiro encontro do mes de marzo e dunha fase final da liga regular que lle augura semanas moi ocupadas. Servirá, ademais, para quentar motores de cara a unha Copa de la Reina onde as guardesas tamén deberán superar ao Beti-Onak polo pase a semifinais. De novo, desprazáronse 13 xogadoras. 

 O Mecalia chega tras unha merecida semana de descanso, antes da que puido reconducir o seu periplo ligueiro cara á senda da vitoria tras unha remontada traballada en Valladolid. O equipo baixomiñoto obtivo os dous puntos na pista do Aula hai dúas semanas, non sen ter que repoñerse na parte final tras moitos minutos de ir a remolque das anfitrioas (24-26). Este martes, as de Seabra esperan ter que librar unha loita posiblemente moi similar, pois se ben non quedan xa partidos sinxelos, o de Villava será contra un rival que puxo en moitos problemas ao conxunto da Guarda no pasado recente. 

 Será un encontro que servirá, ademais, coma ensaio preliminar para a fase final da Copa de la Reina. Xa na súa última edición, o sorteo de emparellamentos cruzara a ambos para o duelo de cuartos de final, que naquela ocasión rematou cunha dolorosa derrota para un Guardés que non logrou entrar no xogo nin dominar a batalla psicolóxica en ningún momento. Este 2026, a sorte volveu xuntalos precisamente para a mesma eliminatoria, e o obxectivo será controlar a concentración para atopar os puntos fracos dun rival que, se ten todo da súa man, pode ser moi capaz de facerse forte. 

 Mais, polo momento, a cabeza segue posta na Liga, da que restan seis encontros ata o torneo polo título. Está en mans do Guardés xogar a carta deste partido aprazado para contar con dous puntos extra fronte aos seus rivais de clasificación: o Costa del Sol Málaga, terceiro empatado a 31 puntos coas galegas; o Super Amara Bera Bera, segundo con 33; e o líder Rocasa Gran Canaria, que escala ata os 34. A primeira chave para medrar será por tanto este mesmo martes, nun partido no que Seabra volverá presentar unha convocatoria de 13 xogadoras. O equipo saíu da Sangriña o domingo pola noite e contou hoxe cun derradeiro adestramento en terras navarras, na pista do Anaitasuna, para deixalo todo a punto para o duelo deste martes. 

 Pola súa banda, o Beti-Onak chega tamén nunha dinámica ascendente que o deixa en quinta posición, aínda que a cinco puntos de alcanzar ao Mecalia. As navarras acumulan un historial de 12 vitorias, dous empates e seis derrotas, que demostra que soubo xogar moi ben as súas cartas esta tempada e que segue indo a por todas. As de Miguel Etxeberria queren asegurar unha praza na loita polo título e contar con esa derradeira ocasión de amosar o seu afán competitivo, polo que este martes tirarán do factor cancha para, de novo, poñer as cousas difíciles a un Guardés ao que semella ter ben tomadas as medidas. 

 Se ben a pasada tempada, as de Ana Seabra só lograron vencer ao equipo navarro nun dos seus tres cruces do ano, pola mínima na Sangriña (22-21), caendo despois na derradeira xornada ligueira en Villava e nos cuartos copeiros; no curso actual o pavillón guardés fíxose un fortín para deixar unha vitoria moito máis folgada para as anfitrioas (29-21, sexta xornada). As cousas poden cambiar moito no Hermanos Indurain mañá, se ben tratarse de recuperar as mesmas sensacións para gañar dous puntos cruciais para a conclusión da tempada.  

Ana Seabra: “Mañá non será doado, pero tampouco podemos esquecer todo o que traballou o noso equipo” 

 A adestradora do Guardés, Ana Seabra, cre que o de mañá “coma tódolos partidos con Beti, non será doado”, lembrando precisamente eses antecedentes entre ambos conxuntos. A técnica destaca coma principal punto forte do seu rival que “teñen un grande equipo, con moita calidade”, ademais de que “sabemos que na súa casa son fortes e sólidas”. 

 Con todo, quixo tamén poñer en valor a tempada das súas, indicando que “por outro lado, non se pode esquecer todo o que traballou o noso equipo e as cousas boas que conseguiu”. En plena loita polo alto da táboa, Seabra confía nas súas e, con prudencia, aposta pola posibilidade da vitoria: “Por todo iso, cremos que cun bo traballo e respectando ao rival podemos conseguir os dous puntos neste partido. Imos intentalo”.  

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 19 

Replasa Beti-Onak – Mecalia Atlético Guardés  

Martes, 10 de marzo | 19.00 horas | Polideportivo Municipal Hermanos Indurain (Villava) 

Directo: https://www.youtube.com/watch?v=LgzW_15qbak

Ningún comentario:

Publicar un comentario