A Comunidade de Montes de Camposancos autoriza unha batida o xabaríl
Fonte: albariño.com
José Fernando Martínez Martínez* / Camposancos
O pasado día 26 de febreiro tivo lugar unha xuntanza nas instalacións da casa da Comunidade de Montes de Camposancos para tratar diversos aspectos relacionados coa problemática do xabaríl e a súa presenza no monte Trega.
A esta reunión asistiron o director territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente, Nicolás Lorenzo Montes; o Xefe territorial do departamento de caza, Santiago Barciela. Polo Concello da Guarda, asistiron o alcalde Roberto Carrero; o teniente de alcalde, Oscar Alonso, e o concelleiro de Infraestructuras Isidro Lomba. Por parte dos cazadores, o presidente da Asociación de Caza de Pontevedra, Francisco Couselo e o presidente do TECOR do Rosal, Javier. Ademais, tamén participou Jorge Alonso Pacheco pola Comunidade de Montes da Guarda, e pola de Camposancos asistiron José Fernando Martínez, Mario Baró e Eduardo Alonso. Abriu a ronda de intervencións Fernando Martínez, manifestando o seu malestar con TECOR do Rosal polas actuacións impropias levadas a cabo en anteriores batidas, que deron lugar ao veto das súas actividades no monte Trega. A Comunidade de Montes de Camposancos veu recollendo de xeito sistemático as queixas dos veciños que habitualmente pasean polas pistas do Trega, ao seren víctimas de abusos, enfrontamentos e incluso insultos por parte dalgúns adestradores, cuxa presenza e actividade resultan incompatibles co uso e desfrute do Monte ao que ten dereito prioritario a veciñanza.
A isto hai que engadir as ameazas e provocacións proferidas a directivos da Comunidade de Montes de Camposancos por parte dalgún cazador membro do TECOR, e o desprezo e prepotencia amosados cara esta Comunidade, ao programar varias batidas de caza coa Xunta de Galicia sen informar nin solicitar autorización á propia Comunidade, que é quen ostenta a titularidade dos terreos do monte. Iso deu lugar á revocación dos permisos concedidos, o veto aos cazadores e a presentación de disculpas por parte da Consellería responsable.
O representante da Comunidade de Montes da Guarda, Jorge Alonso Pacheco, sostivo que é posible que este ano teña aumentado a poboación de xabaríl e que se debe regular a manada, para o que haberá que estudar distintos métodos, sen manifestarse a favor da batida que se vai realizar.
Toma a palabra o Xefe de Caza da Xunta Barciela, para indicar que, efectivamente, hai diferentes métodos para o control do xabaríl, como os arqueiros, a caza á espera, as xaulas, etc.. Tamén afirma que estes animais non se van exterminar e que teremos que convivir con eles. Tendo isto en conta, e para evitar os danos nos plantíos, sería conveniente buscar solucións para os veciños que seguen a cultivar os campos concentrándoos en zonas concretas que se poidan protexer con valos.
O director territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente, Nicolás Lorenzo Montes, propuxo que se permita unha única batida, e despois reunirse de novo para analizar os pros e contras, xa que con batidas non se erradicará o problema; e sen o permiso dos propietarios, non se poden conceder licencias, pois son os únicos que as poden autorizar.
Pola súa parte, os representantes dos cazadores defenden que é necesario facer batidas, que son “boa xente”, que expulsaron do TECOR a un cazador problemático o que incluso se lle retirou a arma.
Por último, grazas á vontade de colaboración de todos os implicados, a comunidade de Camposancos acepta conceder unha única batida o próximo día 15 de marzo, xa que en teoría esta batida será solo en territorio de esta comunidade, deixando claro que esta opción non é o remedio, nin vai marcar precedente para novas actuacións deste tipo, senón que é preciso facer una valoración utilizando criterios técnicos e de sustentabilidade, que quedan lonxe da caza como solución a este complexo problema.
Para rematar: queda patente que só se poden realizar batidas de caza se as autorizan as Comunidades de Montes, por seren as propietarias do monte; e se os cazadores adoptan otras actitudes que poidan achegar solucións e non xerar novos problemas.
* Presidente da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos

Ningún comentario:
Publicar un comentario