13 de mar. de 2026

A GUARDA

A GUARDA MOBILÍZASE  POLA PAZ O LUNS 16 DE MARZO NA PRAZA AVELINO VICENTE  

Baixo Miño con Palestina súmase á convocatoria da Plataforma Galiza pola Paz contra a guerra imperialista   




 Baixo Miño con Palestina / A Guarda

 Baixo Miño con Palestina súmase ás mobilizacións convocadas pola Plataforma Galiza pola Paz en distintas comarcas do país e convoca unha concentración ás 20 horas o próximo luns 16 de marzo na Praza Avelino Vicente, da Guarda, para  condenar o ataque militar levado a cabo polos Estados Unidos e Israel contra o Irán. Unha agresión que non pode ser minimizada nin relativizada, e que require de nós unha resposta clara en defensa da paz e do dereito internacional.  

 Esta ofensiva non é un feito illado. Inscríbese nunha cadea de agresións sistemáticas que o imperialismo dos EEUU e o Estado de Israel veñen exercendo contra os pobos da Asia Occidental: a destrución do Iraque e da Líbia, a guerra na Siria, o xenocidio en curso en Gaza, os ataques ao Líbano, as inxerencias no Iemen... O que hoxe ocorre é, en realidade, un paso máis dunha escalada deliberada, dirixida a dobrar a vontade dun Estado e dun pobo que se negan a aceptar a tutela das potencias dominantes. 

 Washington leva décadas a tratar de impedir o xurdimento de calquera potencia rexional que non estea disposta a orbitar ao seu redor. O obxectivo desta barbarie  é  a preservación da hexemonía global a calquera custo, incluído o uso da forza militar cando a chantaxes económicas e diplomáticas non chegan para conseguiren os seus obxectivos. 

 Por todo isto, chamamos a participar nesta concentración a toda a veciñanza, que vén demostrando nos últimos meses unha conciencia e un compromiso sostidos fronte ao xenocidio palestino, a manter a súa mobilización e a ampliar esa voz solidaria. A construcción dunha paz verdadeira é inseparábel da loita contra o imperialismo e o militarismo. Frear esta dinámica de guerra é responsabilidade de todas e todos nós. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario