ANABAM publica o informe final de cinco anos de seguimento do xabaril no Monte Trega
• O estudo identifica variacións interanuais na presenza da especie e sinala as franxas horarias de maior actividade como unha ferramenta clave para mellorar a prevención de conflitos
Noé Ferreira Rodríguez / A Guarda
A Asociación Naturalista “Baixo Miño” (ANABAM) fixo público o informe final do seguimento da poboación de xabaril no Monte Trega correspondente ao período 2021–2025, un traballo baseado en técnicas de fototrampeo que permite analizar a evolución da presenza da especie, a súa distribución espacial e os seus patróns de actividade nun dos espazos naturais máis emblemáticos da Guarda.
Desde ANABAM lembran que a xestión da especie non pode basearse nun único indicador, como pode ser o número de individuos, aínda que subliñan a importancia deste tipo de estudos para proporcionar datos obxectivos cos que tomar decisións informadas sobre a fauna nun espazo que, lembran, é zona de exclusión de caza e, en gran parte, refuxio de fauna.
Variacións na tendencia da poboación
O obxectivo principal do traballo foi analizar a tendencia da poboación de xabaril no Monte Trega, ao tratarse dun espazo periurbano no que os escenarios de conflito coa actividade humana se producen con certa frecuencia.
Evolución anual da abundancia media estimada da especie mediante o método de Rowcliffe no período 2021–2025. A liña representa a abundancia media anual.
Fonte: ANABAM
Segundo os resultados do estudo, a evolución da poboación non segue un patrón continuo, senón que presenta variacións ao longo dos cinco anos analizados. Neste sentido, destacan as fluctuacións rexistradas nos últimos anos, cun descenso dos indicadores no ano 2024 e un incremento coincidente no ano 2025.
Con todo, o autor do informe sinala que non se pode falar dun crecemento sostido da poboación, senón de variacións interanuais na abundancia da especie.
Estimación orientativa da poboación
Aínda que o obxectivo do informe non foi estimar con precisión o número de animais —algo especialmente complexo ante a imposibilidade de identificar individuos ou a ausencia de exemplares marcados con GPS—, o autor indica que, segundo a integración dos diferentes indicadores analizados e o coñecemento acumulado durante o seguimento, a poboación podería situarse no último trimestre de 2025 aproximadamente entre os 15 e os 20 individuos.
Esta cifra equivalería a arredor de 4–6 individuos por quilómetro cadrado, valores coherentes cos rangos descritos para a especie en contextos comparables e que se sitúan na franxa superior dos valores medios descritos para Galicia.
Distribución espacial da especie
O estudo tamén permitiu analizar a distribución espacial da especie no Monte Trega ao longo do tempo. A análise realizada non detectou patróns significativos de agrupación nin dispersión, o que indica que os xabarís presentan unha distribución espacial aleatoria no territorio.
Fonte: ANABAM
Isto significa que non se identificaron áreas concretas con concentracións destacadas de animais que requiran unha intervención específica desde o punto de vista da súa localización.
Franxas horarias de maior actividade
Outro dos aspectos analizados no informe foi o patrón de actividade diaria da especie, un dos resultados que o autor considera máis relevantes desde o punto de vista da xestión.
O coñecemento das franxas horarias de maior actividade permite deseñar medidas preventivas máis eficaces, como a instalación de sinalización dinámica nas estradas, campañas de sensibilización dirixidas ás persoas condutoras ou medidas de control selectivo da velocidade, optimizando así os recursos dispoñibles e mellorando a eficacia das actuacións orientadas á prevención de accidentes.
Unha ferramenta máis para a xestión
Desde ANABAM sinalan que este informe debe entenderse como unha ferramenta máis dentro do conxunto de información necesaria para a xestión da especie, que debe combinar diferentes medidas e enfoques para reducir os escenarios de conflito entre a fauna e a actividade humana nun espazo periurbano como o Monte Trega.
Neste sentido, desde a asociación subliñan tamén a importancia de investir esforzos nas medidas preventivas, informando e acompañando á poboación na instalación efectiva de sistemas que permitan reducir os danos provocados pola especie. Entre estas medidas destacan o uso de pastores eléctricos e peches eficaces adaptados ás características do xabaril, tanto no relativo á potencia dos dispositivos como á forma correcta de instalación. Segundo indican, cando estas medidas se aplican de maneira adecuada poden reducir de forma significativa os danos en cultivos e hortas, contribuíndo así a mellorar a convivencia entre a fauna salvaxe e a actividade humana.



Ningún comentario:
Publicar un comentario