MANIFESTACIÓN CIDADÁ EN CONTRA DOS PROXECTOS INDUSTRIAIS EÓLICOS NA SERRA DA GROBA
IEM / Gondomar
Hoxe mércores, ás 11h, tivo lugar no local do IEM unha rolda de prensa na que os representantes das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Viladesuso e Mougás; do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) e das Plataformas SOS GROBA e TURONIO deron conta da convocatoria da MANIFESTACIÓN CIDADÁ que terá lugar este domingo na DEFENSA DA SERRA DA GROBA fronte a insistente ameaza da instalación de Proxectos Industriais Eólicos no seu territorio.
Aproveitouse esta rolda de prensa, á que asistiron ademais representantes das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Sabarís, Belesar e Borreiros, respectivamente, para informar da CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE ALEGACIÓNS na que se levan rexistrados algo máis de 1.500 escritos que supoñen non menos de 70.000 alegacións.
É importante resaltar que o prazo de alegacións remata aínda o vindeiro mércores 18 polo que todos os colectivos convocantes animan á cidadanía a participar na MANIFESTACIÓN do 15 DE MARZO e convidan a asinar o escrito de alegacións online mediante unha ligazón que permitirá tramitalo directamente dende o teléfono móbil, tableta ou ordenador persoal.
Ligazón para o escrito de alegacións en liña: https://www.salvemosmonteferro.org/alegacion/
Neste acto, como en cada ocasión, as entidades organizadoras convidan expresamente ás corporacións municipais, á alcaldesa de Oia, aos alcaldes dos concellos de Baiona e Gondomar e de toda a comarca do Baixo Miño e do Val de Miñor.
MANIFESTACIÓN CONTRA OS PROXECTOS EÓLICOS NA SERRA DA GROBA
DOMINGO, 15 DE MARZO, ÁS 11:00
HAI QUE PARALOS!
Punto de encontro para a saída: Alto da Mata, pk 10,00 da estrada EP-2202 Baiona-Loureza
GPS: 42.080146” -8,840318”
Remate da manifestación: Alto da Groba, pk 11,500 da estrada EP-2202 Baiona Loureza
GPS: 42.069878” -8.8830713”
Convocan: Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mougás (Oia), Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Viladesuso (Oia), Plataforma SOS GROBA, Plataforma TURONIO, Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), Salvemos Monteferro e Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde.


Ningún comentario:
Publicar un comentario