24 de feb. de 2026

VIGO

A CIG mobilízase en Vigo coincidindo co xuízo polo despido dunha delegada de Abanca  

 A sesión foi finalmente suspendida e está previsto que se celebre en abril 


Na mobilización, que se desenvolveu de 10:30 a 12:00 horas, participaron persoas delegadas da CIG-Banca de todo o país e doutros sectores da comarca -ademais do propio secretario xeral, Paulo Carril- en solidariedade coa traballadora vítima de represión sindical pola súa condición de delegada

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A CIG mobilizouse hoxe na Cidade da Xustiza de Vigo coincidindo co xuízo previsto polo despedimento dunha delegada da central sindical no comité de empresa de Abanca na provincia de Pontevedra. A sesión non se celebrou finalmente por cuestións formais do procedemento e está previsto que teña lugar en abril. 

 Na mobilización, que se desenvolveu de 10:30 a 12:00 horas, participaron persoas delegadas da CIG-Banca de todo o país e doutros sectores da comarca -ademais do propio secretario xeral, Paulo Carril- en solidariedade coa traballadora vítima de represión sindical pola súa condición de delegada. En consecuencia, a central reclama xudicialmente a nulidade do despedimento e a readmisión inmediata da afectada. 

 “A rescisión de contrato, comunicada pola entidade bancaria en xullo de 2025, non foi un feito casual, senón un acto deliberado contra unha compañeira que exerceu activamente o seu papel como delegada e foi parte importante no traballo desenvolvido pola sección sindical da CIG nos meses anteriores á exitosa folga do 11 de xaneiro de 2024, na que o persoal de Abanca se botou á rúa para denunciar a política de abusos da empresa e a continua perda de poder adquisitivo, mentres Abanca rexistraba cuantiosos beneficios”. 

 Ademais, despois da folga a CIG presentou catro demandas contra a empresa: por cláusulas ilegais nos contratos (estimada a favor da central); por incumprimento do preaviso de cinco días para modificación dos horarios semanais (estimada tamén a favor); por esixir unha autorización adicional para poder rexistrar as horas extras reais que se fan (que non chegou a xuízo pois a empresa modificou o sistema previamente); e por vulneración da liberdade sindical na negociación do anterior plan de igualdade, “demanda na que estaban implicadas as mesmas persoas instrutoras do expediente a medida que pretende xustificar o despido”. 

 Finalmente, dende a CIG lembran que a natureza de central combativa e a súa acción sindical de confrontación e de denuncia dos abusos cometidos pola empresa “faille dano a Abanca, polo que pretenden amedrentarnos para que permanezamos en silencio e non nos mobilicemos”. Pero queren deixar moi claro que “non vai conseguilo, e seguiremos defendendo os dereitos do persoal e da compañeira despedida, na seguridade da súa completa inocencia nos feitos que se lle imputan”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario