24 de feb. de 2026

PONTEVEDRA

A Deputación advirte da maduración temperá do mildio e aconsella manter unha especial vixilancia no momento da agromada da vide 

O persoal técnico de Areeiro confirma a xerminación das oosporas e recomenda extremar a vixilancia ante a chegada da primavera. Tamén alerta do risco de podremias en cítricos e da procesionaria do piñeiro


Tanto os froitos como as follas podres, caidos ao solo deben ser recollidos
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra, a través dun novo aviso fitosanitario do persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, informa da maduración temperá da oospora do mildio da vide, recolléndose incluso algúns esporanxios no captador situado na estación, e diferentes modelos matemáticos confirmaron que este proceso se iniciou nas distintas comarcas da provincia xa a principios da pasada semana.  

 Aínda que as plantas non comezaron a agromar e, polo tanto, non existe risco inmediato para as cepas, cunha maduración tan temperá do patóxeno é recomendable manter unha especial vixilancia no momento da agromada, sobre todo se as condicións climatolóxicas continúan inestables, con alternancia de chuvias e temperaturas suaves que poidan favorecer as infeccións primarias.  

 En relación cos cítricos, o persoal técnico lembra que as choivas continuas do outono-inverno, combinadas con temperaturas relativamente suaves, provocaron importantes perdas de froita por podremias, principalmente causadas por Phytophthora hibernalis. A elevada humidade ambiental e o ascenso térmico destes días poden favorecer aínda máis a aparición da enfermidade. Por iso, recoméndase recoller todos os froitos caídos ao solo, así como retirar aqueles que presenten síntomas nas árbores. Tamén é aconsellable podar as ramas máis próximas ao chan e eliminar as ramas con follas afectadas.  

 Finalmente, ante a subida das temperaturas, o aviso de Areeiro advirte da posible aparición da procesionaria do piñeiro nas próximas datas. As eirugas desta especie, dotadas de pelos urticantes, supoñen un risco tanto para persoas como para animais domésticos, especialmente cans, que poden sufrir irritacións, inflamacións, hipersalivación e, nos casos máis graves, dificultade respiratoria, necrose de tecidos ou mesmo a morte. Cómpre lembrar que non é necesario o contacto directo coas larvas para que se produzan reaccións, xa que os pelos poden dispersarse no aire, polo que se recomenda evitar paseos por zonas con presenza de piñeiros e cedros nesta época do ano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario