16 de feb. de 2026

DEPORTES

ATLETISMO

ÁLEX SIERPES PEREIRA, SUBCAMPIÓN GALEGO ABSOLUTO

Dos 3.000 metros en pista cuberta 2026


Álex Sierpes Pereira nun momento da final dos 3.000 metros
Fotos: Cedidas
De esq. á der.: Álex Sierpes Pereira,  David de la Fuente Gómez e Iker Fernández Codesido, no podio

Redacción Deportes / A Guarda

 Este pasado sábado, as pistas de Expourense acolleron o XLI Campionato Xunta de Galicia de Atletismo Absoluto de pista curta. Ás 10:45 horas abriuse a competición coa final dos 3.000 metros, onde se repartiron as medallas autonómicas absolutas. 

  Álex Sierpes Pereira volveu destacar ao deter o cronómetro en 8:12.58, establecendo a súa mellor marca persoal, cun ritmo medio de 2:44 por quilómetro.  

 Dese xeito, o atleta guardés, do Vicky Foods Athletics, proclamouse subcampión galego absoluto dos 3.000 metros en pista cuberta 2026.  

 A proba foi gañada por David de la Fuente Gómez, do FACSA Playas de Castelló, cun tempo de 8:06.13, mentres que o bronce foi para o lucense Iker Fernández Codesido, do Lucus Caixa Rural, con 8:14.43. 

 Aos seus 17 anos, Álex Sierpes xa se relaciona cos mellores atletas absolutos de Galicia e suma unha nova medalla de prata na proba de 3.000 metros en pista curta. 

 Sierpes chegaba a este campionato coa confianza de lograr un meritorio quinto posto na clasificación xeral sub20 do Campionato de Europa de Clubs de Campo a través, celebrado a semana pasada en Albufeira. Chegaba á cita tras unha tempada de cros na que foi claramente de menos a máis, e volveu demostralo na pista, asegurando a medalla de prata na proba de 3.000 metros.  

 A pesar da súa mocidade, este novo éxito súmase ao seu medalleiro absoluto. Entre os seus logros destacan o ouro conseguido en novembro de 2025 no Barco, nos 5 quilómetros en roteiro; o bronce na milla en roteiro en 2024 en Lourenzá; e o subcampeonato nos 5 quilómetros en roteiro en Carballo (A Coruña) en 2024. Todas estas medallas foron logradas en idade sub18 (xuvenil), competindo e subíndose ao podio na máxima categoría absoluta. 

 Neste campionato tamén participou o seu irmán Christian Sierpes Pereira, recentemente chegado do Europeo, quen competiu na serie B dos 1.500 metros na sesión de tarde, onde finalizou terceiro na devandita serie e estableceu tamén a súa mellor marca persoal. 

 Moitas felicidades a ambos pola súa progresión e a seguir mellorando marcas paso a paso. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario