BALONMÁN FEMININO
Ana Seabra non continuará no Guardés a próxima tempada
• A adestradora portuguesa despídese do equipo baixomiñoto despois de algo máis de dous anos á fronte do proxecto deportivo, e de catro en total traballando no seu corpo técnico
• O Club alega motivos exclusivamente económicos para non renovar á técnica, decisión que se inclúe na restruturación do plantel que prevé para o curso que vén
• A saída de Seabra implica tamén a marcha de Willian Ferrari, adestrador axudante e estatista do equipo
• Ana Seabra: “Quero gozar ata o final de todo o que queda por vir este ano. Sempre sentirei A Guarda coma a miña casa”
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés comeza a pensar na composición do seu cadro de persoal de cara ao curso que vén. E o primeiro anuncio chega con maiúsculas, pois refírese á súa adestradora: coma ela mesma anunciaba hai unhas semanas nas súas redes sociais, Ana Seabra non continuará á fronte do corpo técnico o vindeiro curso. O Club aclara agora que as dificultades económicas son o único motivo detrás desta decisión, e anuncia unha grande restruturación neste sentido para a tempada 2026/2027.
Ana Seabra incorporouse ao equipo baixomiñoto por primeira vez en 2022, pasando a formar parte dun corpo técnico que naquel momento lideraba Abel González. A súa aportación notouse con creces durante dous anos, final europea ao seu cargo de por medio, e por iso pasou a encabezar o proxecto a finais de 2023, trala destitución de Cristina Cabeza antes do remate de aquela tempada. A pasada tempada 2024/2025, a súa primeira íntegra coma adestradora principal do cadro de persoal, culminou con resultados de novo históricos para o equipo, coma o título de liga regular que lle valeu o regreso á competición europea.
No curso actual, o Guardés continúa polo mesmo camiño prometedor, tralas ilusionantes clasificacións a cuartos de final na EHF European cup e á fase final da Copa de la Reina, ao tempo que se mantén con carácter na intensa loita polo alto da táboa ligueira. É por isto que a noticia da saída da súa preparadora chega de xeito sorprendente, e despois de dúas semanas o Club quixo aclarar que as dificultades económicas que vén atravesando ultimamente son o único motivo detrás dela, agravadas pola súa presenza en Europa e pola falta de patrocinadores tanto institucionais coma privados.
A orixe humilde do equipo da Sangriña, explican dende a súa dirección, complica o seu acceso a importantes axudas institucionais. E aínda que conta con aportacións privadas que lle permiten subsistir, non son abondo para mantelo ao nivel desexado sen desembocar en déficits graves. Co gallo destas dificultades financeiras, o Club planea moitos cambios de cara á seguinte tempada, sendo un dos máis visibles esta rescisión no corpo técnico e unha redución do seu cadro de persoal que anunciará proximamente. Insiste a entidade guardesa, de novo, en que esta é a razón única e exclusiva detrás da despedida de Ana Seabra, á que lle desexa igualmente os maiores éxitos no seu futuro e lémbralle que sempre terá no Guardés a súa casa.
Á saída de Seabra, ademais, súmase a de Willian Ferrari, ata agora segundo adestrador e especialista en estatística do primeiro equipo. Nas semanas vindeiras coñeceranse máis detalles sobre o futuro do corpo técnico do equipo baixomiñoto, coma a identidade do relevo da preparadora deportiva e outros cambios na composición do seu cadro de persoal. Polo de agora, Ana continuará á fronte do proxecto ata o final desta tempada, loitando ata o derradeiro momento e buscando pechar este capítulo cun título, coma sabe que sería a mellor das noticias para a historia do Guardés.
Ana Seabra: “Quero gozar ata o final de todo o que queda por vir. Sempre sentirei A Guarda coma a miña casa”
A adestradora do Guardés, Ana Seabra, valorou a súa saída ao final desta tempada, indicando que tamén vai contra os seus propios desexos. “A vida no deporte é así, xa sexa coma atletas ou coma adestradores”, explica, insistindo en que “gocei moito aquí e quero seguir gozando ata o final de todo o que nos queda por vir, coa ilusión de dar máis alegrías ao equipo”, aludindo á conclusión dunha prometedora tempada aínda por decidir.
“Non estaba en condicións de quedar coa proposta que me fixeran”, engade Seabra, confirmando a situación de apuro económico do Club. Con todo, non busca unha despedida amarga, senón que volve incidir en que “desexarei sempre o mellor para todos, porque sempre me sentín na casa aquí e por todo o agarimo que sempre tiveron comigo”. A adestradora concluíu afirmando que a súa relación co Guardés sempre será especial e que “sempre vou sentir A Guarda coma a miña casa, por todo o que pasei aquí e por tódalas persoas marabillosas que coñecín. A Guarda está e estará sempre na miña vida, porque hai recordos e persoas que son eternos”.


Ningún comentario:
Publicar un comentario