O alcalde da Guarda visita ao novo comercio local El Mundo de los Mini Coches
• Esta tenda especializada é unha das referentes en España con máis de 3.000 modelos diferentes
O alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, continúa coa campaña de promoción dos novos establecementos da Guarda mediante visitas e difusión das súas actividades, dando o seu apoio aos emprendedores.
Un dos novos establecementos deste 2026 é “El Mundo de los Mini Coches”. Trátase dun comercio especializado na venda de coches a escala, con “máis de 3.000 modelos diferentes”, segundo os seus donos.
Á fronte desta tenda atópanse Pedro Ruibal e Daniela Montero. Tras anos cun comercio similar en Montreal (Canadá) decidiron volver á terra de Pedro, orixinario de Baiona, e dar comezo a este establecemento.
Roberto José Álvarez Carrero deulles á benvida ao comercio local da Guarda e cree que son “un exemplo de como ideas e sectores de nicho poden funcionar nunha vila pequena e que poden ter un mercado a nivel nacional, aproveitando ás novas tecnoloxías”.
Ademais, esta tenda supón un centro de operacións, xa que un 80% das vendas realízanas en liña con envíos a toda España. De feito, segundo Pedro Ruibal, “esta é a tenda máis grande de Galicia e con máis variedade e unha das máis grandes de España”.
Pedro e Daniela arrincaron o negocio a finais de xaneiro e desde entón están “moi sorprendidos e contentos”. Ademais, ambos confesan apostar por realizar as súas compras nos establecementos da Guarda, apoiando ao comercio local do que agora xa son parte.
Desexámoslle moita sorte a El Mundo de los Mini Coches!

Ningún comentario:
Publicar un comentario