O CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA AUTORIZA O CAMBIO DE TITULARIDADE A PROL DO CONCELLO DE BAIONA DO TREITO ANTIGO DA PO-552, COINCIDENTE COAS RÚAS JULIO VALVERDE E PORTA DO SOL
• Trátase do treito correspondente ás obras realizadas e proxectadas para a humanización da travesía interior de Sabarís, nas fase I e II, e comprende unha lonxitude aproximada de 1.167 m
• O cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia
Infogauda / Baiona
O Consello da Xunta de Galicia autorizou o cambio de titularidade a prol do Concello de Baiona dun treito antigo da estrada PO-552 da Rede autonómica de estradas de Galicia, xunto co seu dominio público viario, que se corresponde coa rúas Julio Valverde e Porta do Sol do municipio pontevedrés.
O decreto informado hoxe polo Executivo autonómico dá cumprimento ao convenio de colaboración entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello de Baiona para o financiamento das obras da fase II da humanización da travesía interior de Sabarís. No dito convenio recóllese o compromiso do Concello de aceptar a transferencia da totalidade do dominio público viario deste treito da citada estrada de titularidade da Xunta.
O treito antigo da estrada PO-552 (treito da antiga C-550) correspóndese coa rúas Julio Valverde e Porta do Sol.
Este treito identifícase co correspondente ás obras realizadas e proxectadas para a humanización da travesía interior de Sabarís, nas fase I e II, e comprende unha lonxitude aproximada de 1.167 m. É un treito antigo que se inicia na rúa Julián Valverde, á altura do punto quilométrico 13+070 da PO-552, marxe esquerda, e finaliza na rúa Porta do Sol, no punto quilométrico 14+200 da PO-552, marxe esquerda. Este treito ten a consideración de elemento funcional da estrada, discorre integramente polo termo municipal do Concello de Baiona e atravesa solo clasificado como urbano polo instrumento de planeamento vixente. Presenta un marcado carácter local e urbano, carecendo de funcionalidade no ámbito da Rede autonómica de estradas de Galicia.
A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade.
O cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.
Correspóndelle ao Concello de Baiona, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Ningún comentario:
Publicar un comentario