23 de feb. de 2026

TOMIÑO

Tomiño pon en marcha corpo e mente cun curso de iniciación ao tai chi  

A actividade, incluída na cuarta axenda Impacto Saudable, será de balde e desenvolverase durante os martes do mes de marzo na Casa Salgosa. Prazas limitadas  



Infogauda / Tomiño

 Respirar, moverse e atopar equilibrio no medio da rutina diaria é posible sen saír de Tomiño. O Concello xa ten abertas as inscricións para participar no curso de iniciación ao tai chi, unha das propostas incluídas na cuarta edición da Axenda Impacto Saudable, unha iniciativa pioneira que ofrece programación variada e gratuíta co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza, especialmente das persoas adultas e maiores. 

 As clases impartiranse na Casa Salgosa todos os martes do 3 ao 31 de marzo de 20.00 a 21.00 horas e contará con prazas limitadas, polo que as persoas interesadas deberán  solicitar a súa a través da páxina web municipal. Unha vez rematado o prazo de inscrición o Concello porase en contacto con todas as persoas interesadas para confirmar a adxudicación de praza e facilitar toda a información necesaria.  

 O tai chi é unha disciplina milenaria que combina movementos suaves e controlados coa respiración consciente e a concentración mental. Entre os seus múltiples beneficios atópanse a mellora do equilibrio e da coordinación, o fortalecemento muscular sen impacto nas articulacións, a redución do estrés e da ansiedade, o incremento da flexibilidade e unha notable contribución ao benestar emocional. Ademais, é unha práctica especialmente recomendada para persoas adultas e maiores ao favorecer a prevención de caídas e promover unha actividade física segura e adaptada. 

 O Concello de Tomiño anima a toda a veciñanza a participar nesta actividade e a aproveitar esta oportunidade para iniciarse nunha práctica que combina saúde física e mental, reforzando o compromiso municipal cun modelo de benestar accesible, inclusivo e ao alcance de todas as persoas. 

 A axenda Impacto Saudable enmárcase no compromiso do Concello co Plan 2 Millóns, impulsado polo Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, que busca que dous millóns de galegos leven un estilo de vida activo antes de 2030. Ademais, as actividades están cofinanciadas ao abeiro das axudas ás entidades locais pertencentes á Rede Española de Cidades Saudables, dentro da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención, no marco do convenio entre o Ministerio de Sanidade e a FEMP. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario