O PSOE de Oia advirte: o saneamento non se resolve con anuncios de 60.000 euros
Grupo municipal do PSdeG-PSOE / Oia
O problema do saneamento en Oia non é novo nin puntual. É unha deficiencia estrutural que afecta especialmente ás parroquias de Burgueira e Loureza, así como a diferentes puntos da costa, onde os vertidos continúan sendo unha realidade que compromete o medio ambiente, a saúde pública e a imaxe do noso municipio.
Esta semana, a Xunta de Galicia anunciou unha liña de axudas de ata 60.000 euros por actuación, cun máximo de tres intervencións por concello. Isto suporía, no mellor dos casos, un investimento máximo de 180.000 euros para Oia. Unha cantidade claramente insuficiente se a comparamos coa dimensión real do problema.
Desde o Grupo Socialista levamos anos reclamando unha actuación integral, incluíndo emendas aos orzamentos da Xunta por un importe aproximado de 2.300.000 euros para afrontar o saneamento de maneira definitiva. Todas estas propostas foron rexeitadas sistematicamente polo Partido Popular
O saneamiento en Oia. A diferenza está na ambición e na planificación
Mentres o comunicado da Xunta fala de posibles actuacións puntuais e estudos, desde o PSOE de Oia defendemos:
• A construción dunha nova depuradora que elimine definitivamente os vertidos na costa.
• Un investimento específico de arredor de medio millón de euros para completar e adecuar o sistema nas parroquias de Burgueira e Loureza.
• Un plan integral, calendarizado e con financiamento suficiente, non actuacións illadas sen capacidade de resolver o problema de fondo
O anuncio feito pola Xunta, e difundido polo Concello, non concreta prazos nin garante unha solución estrutural. Fala de “buscar solucións”, pero sen asumir a responsabilidade acumulada durante anos de falta de investimento real.
Oia precisa compromiso real
O saneamento é unha cuestión básica para calquera concello do século XXI. Non pode seguir sendo unha promesa recorrente nin un titular puntual cada vez que hai presión social ou mediática.
Oia precisa compromiso, planificación e financiamento acorde ás necesidades reais do territorio. Desde o PSOE de Oia seguiremos insistindo, como levamos facendo desde hai anos, en que o saneamento é unha prioridade irrenunciable para garantir un futuro sostible para o noso litoral e para os nosos veciños e veciñas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario