21 de feb. de 2026

CULTURA

A Deputación leva ao Palacete das Mendoza a exposición “Miscelánea” de Daniel Domínguez 

 A mostra pictórica, na que o artista bebe das correntes das vangardas históricas, poderá visitarse na sede de Turismo Rías Baixas entre o 27 de febreiro e o 15 de marzo


Unha das obras do pintor Daniel Domínguez que formará parte da mostra “Miscelánea”
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra abrirá ao público o próximo venres, 27 de febreiro a exposición “Miscelánea”, do pintor Daniel Domínguez. Na mostra, que se poderá visitar no Palacete das Mendoza durante dúas semanas (ata o 15 de marzo), o artista aposta por unha gran diversidade de estilos nos seus cadros, que beben de correntes das vangardas históricas como o cubismo, o impresionismo e a abstracción.  

 Daniel Domínguez asume a vontade de non ter unha unidade ou unha identidade única como unha formulación persoal. Cun gran dominio técnico, os seus debuxos están acompañados dun sentido da cor moi persoal, con tons alegres e harmoniosos que, en palabras de Antón Sobral, ofrecen a oportunidade de escoller cal dos diferentes estilos lle agradan máis ao espectador, á vez que lle ofrecen unha actitude ecléctica onde se concilian distintas ideas, temas e procedencias.  

 A exposición “Miscelánea”, que acollerá a partir do vindeiro venres a sala de exposicións do Palacete das Mendoza, pode visitarse ata o 15 de marzo no horario habitual da sede de Turismo Rías Baixas: de luns a venres de 9:00 a 20:00 horas; os sábados e festivos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas; e os domingos de 10:00 a 14:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario