13 de feb. de 2026

O ROSAL

O Rosal quenta motores para unha carreira de sendereiros que une deporte, natureza e solidariedade   

 Chega unha nova edición do Trail Adventure Muíños do Folón 2026, unha cita de referencia que volverá encher o municipio de emoción o vindeiro 22 de febreiro  

 Aberta a inscrición para a andaina e últimos dorsais para participar tamén nos 12Km e 21Km  


Alcaldesa e concelleiro de Deportes do Rosal participaron na presentación desta nova edición da carreira de sendeiros, na que estiveron acompañados polo director técnico da proba, así como por representantes da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Rosal; de Ignacio e Julio, voluntarios que cada ano participan na preparación e celebración da proba; e de representantes da Agrupación Musical do Rosal
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal  

 O Rosal prepárase para unha proba que xa é moito máis que unha carreira. Conta atrás para desfrutar do Trail Adventure Muíños do Folón 2026 quenta motores o vindeiro domingo 22 de febreiro, unha nova edición que consolida o evento como referente galego das carreiras de sendeiros e como unha experiencia deportiva, cultural e solidaria única.  

 Alcaldesa e concelleiro de Deportes do Rosal participaron na presentación desta nova edición da carreira de sendeiros, na que estiveron acompañados polo director técnico da proba, así como por representantes da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Rosal; de Ignacio e Julio, voluntarios que cada ano participan na preparación e celebración da proba; e de representantes da Agrupación Musical do Rosal. E é que como cada no a carreira de sendeiros amosará a súa cara máis solidaria cunha andaina solidaria para recadar fondos para que AMDOR represente ao municipio no Mundial de Bandas de Kerkrade, nos Países Baixos.  

 Segunda proba puntuable da Pontevedra Trail League, o Trail Adventure Muíños do Folón reforza o seu peso dentro do calendario autonómico cun percorrido que levará de novo ás persoas participantes por algúns dos enclaves máis emblemáticos dos Muíños do Folón e da contorna do Baixo Miño, combinando sendeiros naturais, zonas técnicas e tramos de grande valor paisaxístico e patrimonial nun escenario singular. 

 As inscricións avanzan a moi bo ritmo e xa quedan só os últimos dorsais dispoñibles para participar tanto na andaina de 8 quilómetros de dificultade media-alta como nas probas de Adventure 12 km e Advance 21 km, cun percorrido esixente e espectacular que cada ano se renova para sorprender. As saídas terán ugar dende a praza do Calvario ás 10.00 e ás 10.30 h, respectivamente.  

 Xunto á andaina, o Trail Adventure Muíños do Folón manterá as súas dúas distancias habituais: Adventure 12 km e Advance 21 km, cun percorrido esixente e espectacular que cada ano se renova para sorprender. As saídas terán lugar desde a praza do Calvario entre as 10.00 e as 11.00 horas, dependendo da proba. As persoas interesadas poden formalizar a súa participación na web oficial www.traildofolon.com, ata completar á cabida. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, quixo destacar a implementación este ano como novidade “desta nova andaina solidaria, un exemplo perfecto de como no Rosal sabemos sumar esforzos: deporte, cultura e solidariedade camiñan xuntas para apoiar proxectos que levan o nome do noso concello máis alá das nosas fronteiras”. A rexedora subliñou tamén a importancia “dunha proba xa consolidada coa que cada ano poñemos en valor a natureza e o patrimonio ligados ao turismo deportivo e amosamos o noso compromiso cunha actividade sostible que favorece a calidade de vida e que potencia o noso paisaxismo”. 

 Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, puxo en valor o carácter social desta carreira deportiva que “demostra que o deporte tamén pode ser unha ferramenta de cohesión e apoio mutuo, como demostra o éxito que de seguro terá a andaina solidaria”. O edil salientou ademais “o rotundo éxito desta carreira, que cada ano supera o seu teito de persoas inscritas e bate récords de participación, duplicando as cifras das primeiras edicións e demostrando a paixón crecente polo trail e pola nosa contorna natural e a grande importancia desta proba na práctica do deporte ligado á montaña”. 

 Como cada ano, desde o Concello do Rosal quérese agradecer de maneira especial a colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Rosal; de Protección Civil; así como dos veciños e veciñas e das persoas afeccionadas ao sendeirismo que forman parte do voluntariado activo, clave para percorrer os montes, crear novas rutas e facer posible que cada edición do Trail Muíños do Folón sexa máis segura, coidada e emocionante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario