O Rosal apraza o seu desfile de Entroido ao domingo 1 de marzo
• Adíase ante a mala previsión meteorolóxica e manterá o mesmo horario e percorrido con case 1.100 participantes
Infogauda / O Rosal
A choiva non poderá coa festa, pero obriga a cambiar de datas. O Concello do Rosal vese na necesidade de aprazar o desfile de Entroido previsto para este domingo 15, debido á mala previsión meteorolóxica, garantindo así a seguridade e o desfrute de todas as persoas participantes.
A nova data será o domingo 1 de marzo, mantendo o mesmo horario e percorrido previstos inicialmente. A partir das 11.00 horas, preto de 1.100 persoas encherán de cor, música e creatividade as rúas do municipio nun desfile que sairá desde a Rotonda da Feira e percorrerá as rúas Xulio Sesto e Ramón Franco ata o cruce coa Lomba.
O Rosal prepárase así para vivir unha xornada festiva que mesturará a esencia do entroido máis tradicional coa innovación e a imaxinación das novas propostas. O concurso de disfraces contará con 11 participantes na modalidade de carroza, 2 na de entroido tradicional, 3 na categoría de grupo e 9 na modalidade individual, 7 en xuvenil e adultos e 2 en infantil. O xurado valorará aspectos como a vestimenta, os complementos e a escenificación das comparsas e carrozas, nun certame que repartirá máis de 3.600 euros en premios.
Desde o Concello agradécese a comprensión da veciñanza e das persoas participantes ante este cambio obrigado polas condicións meteorolóxicas e anímase a todo o mundo a reservar a nova data para desfrutar dun dos eventos máis agardados do calendario festivo local. Porque, aínda que cambie o día, o Entroido do Rosal seguirá sendo sinónimo de participación, tradición e alegría compartida.

Ningún comentario:
Publicar un comentario