24 de feb. de 2026

O ROSAL

Unha conversa sobre identidade nunha nova cita cos Cafés en Igualdade   

 A sexóloga Ana Pérez Cardoso ofrecerá este xoves, 26 ás 17.30 horas na Cafetería Juan, a charla ‘A beleza é ser diferente’. De balde  




Infogauda / O Rosal 

 A igualdade constrúese tamén arredor dunha mesa, cun café de por medio e coa palabra como ferramenta de transformación. O Concello do Rosal pecha o mes de febreiro cunha nova sesión dos Cafés en Igualdade, un ciclo xa consolidado que percorre tamén as parroquias creando espazos de encontro, diálogo e reflexión arredor de cuestións que atravesan o día a día da veciñanza. 

 Este xoves, 26 de febreiro ás 17.30 horas, na Cafetería Juan, as persoas participantes abordarán como temática ‘A beleza é ser diferente. A miña particular forma de ser muller’ da man de Ana Pérez Cardoso, sexóloga especialista en educación, xénero e igualdade cunha ampla traxectoria traballando con grupos de mulleres en diferentes institucións. A súa experiencia abrangue tanto o acompañamento a mulleres vítimas de violencia como o traballo coa poboación en xeral, sempre desde unha perspectiva de igualdade de dereitos, respecto á diversidade e promoción da convivencia. A charla será de balde. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destaca que “os Cafés en Igualdade son xa unha cita imprescindible no noso calendario social, porque nos permiten falar de temas que ás veces quedan fóra do debate público, pero que son fundamentais para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e respectuosa”. A rexedora subliñou que “crear estes espazos de confianza é apostar pola educación e pola participación veciñal como ferramentas de cambio”. 

 Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, sinalou que “esta nova charla pon o foco na diversidade e na importancia de recoñecer e celebrar as distintas maneiras de ser muller, afastándonos de estereotipos e promovendo unha visión inclusiva”. Rodríguez animou á veciñanza “a participar activamente nestes encontros, compartir experiencias e construír xuntas e xuntos unha comunidade máis igualitaria”. 

 Os Cafés en Igualdade son encontros mensuais de balde abertos a toda a veciñanza que analizan cuestións de actualidade desde múltiples perspectivas, sempre cun enfoque participativo e transformador. O proxecto posto en marcha polo Concello conta co financiamento do Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e consolídase como unha iniciativa que combina educación, participación cidadá e compromiso social.

Ningún comentario:

Publicar un comentario