24 de feb. de 2026

OIA

Viladesuso acollerá unha charla informativa sobre os novos proxectos eólicos en Oia 

 Este mércores, 25 de febreiro ás 20.00 horas, na Casa de Montes de Viladesuso




Redacción / Viladesuso (Oia) 

 A Casa de Montes de Viladesuso - sita en Camiño da igrexa 7 - Os Loureiros (Viladesuso), Oia -acollerá este mércores, 25 de febreiro ás 20.00 horas unha charla informativa aberta á veciñanza para analizar os posibles efectos dos parques eólicos proxectados nos montes de Oia pola empresa Arena Green Power.    

 A iniciativa está convocada polas Comunidades de Montes de Mougás e Viladesuso  despois de que o pasado día 4 de febreiro se fixese público o anuncio de 4 novos proxectos industriais eólicos: Margarita 18, Cote 25, Nao 19 e Galera 25, que afectan aos montes das anteditas parroquias. Ademais, inclúese a súa infraestrutura de evacuación LSAT 20 kV CS Alto das Veigas–SE UFD Gondomar, que afectaría tamén aos concellos de Baiona e Gondomar.  

 Durante a sesión informativa, que contará coa participación de membros do colectivo SOS Groba e o Instituto de Estudos Miñoráns, abordaranse os impactos deste proxecto sobre a paisaxe, así como os danos que ocasionarían sobre o patrimonio cultural e natural da contorna, un territorio de alto valor ambiental, histórico e etnográfico. Tamén se explicarán os detalles técnicos coñecidos ata o momento e os prazos administrativos e se ofrecerá información útil para a presentación de alegacións, cuxo prazo remata o vindeiro 20 de marzo, incluído. 

 A organización anima á veciñanza e aos colectivos sociais a participar nesta cita informativa que pretende fomentar o coñecemento e o debate arredor duns proxectos que poderían transformar de maneira significativa o territorio de Oia e a súa contorna.

Ningún comentario:

Publicar un comentario