A CIG convoca mobilizacións nos centros de saúde en demanda de solucións para a Atención Primaria
• Este martes, 24 de febreiro, ás 11:00 horas
Infogauda / Galiza
A CIG ten convocadas mobilizacións nos centros de saúde do país mañá, martes 24 de febreiro, ás 11:00 horas, para demandar solucións ás problemáticas que padece o servizo de Atención Primaria. Dende a central sindical instan a Consellaría a aplicar medidas urxentes no canto de crear novos grupos de traballo sobre planificación e retribucións.
Por zonas sanitarias, as principais concentracións faranse nos seguintes lugares:
• A Coruña: Centro de saúde O Ventorrillo.
• A Mariña: Centro de saúde de Foz.
• Barbanza: Centro de saúde de Boiro.
• Ferrol: Centro de saúde Fontenla-Maristany.
• Lugo: Centro de saúde Praza do Ferrol.
• Monforte: Centro de saúde de Monforte.
• O Barco: Centro de saúde de Viana.
• O Salnés: Centro de saúde de Cambados.
• Ourense: Centro de saúde A Ponte.
• Pontevedra: Centro de saúde A Parda.
• Santiago de Compostela: Centro de Saúde de Fontiñas.
• Vigo: Centro de saúde Taboada Leal.
O pasado 19 de xaneiro a CIG-Saúde presentou un escrito no que solicitaba que a Mesa Sectorial abordase con carácter urxente distintas cuestións sobre a atención continuada nos PAC e sobre a atención ordinaria nos centros de saúde.
A respecto dos PAC, as propostas pasan por solucionar o problema do cómputo de xornada do persoal, analizar os plans funcionais para que non se superen as 30 atencións urxentes por profesional e quenda e definir novos plans funcionais que contemplen o incremento do persoal necesario de todas as categorías profesionais.
No que ten que ver cos centros de saúde, a CIG aposta por establecer axendas de traballo diario en medicina de familia dun máximo de 30 pacientes e de 20 no caso de pediatría, así como elaborar un plan de xestión urxente da sobrecarga das axendas de traballo. Así mesmo, fixar un número máximo de consultas en función da carteira de servizos e das actividades a realizar en todas as categorías do centro.
Tamén planificar medidas urxentes e avaliábeis para eliminar (non cambiar de sitio) a burocracia innecesaria; estabelecer un cronograma para desenvolver as carteiras de servizo de todas as categorías profesionais que están na Atención Primaria, facendo unha análise dos cupos actuais e das cargas de traballo, incorporando o persoal necesario; sumar novas categorías profesionais que permitan dar mellor servizo á cidadanía; e definir os criterios para as ratios de profesionais das áreas administrativas e incrementar as prazas necesarias en función das cargas de traballo e da demanda dos centros de saúde.

Ningún comentario:
Publicar un comentario