BALONMÁN FEMININO
O Guardés, a exame en Valladolid antes da recta final ligueira
• O equipo baixomiñoto visitará este sábado ao Aula (19.00 horas) no último partido antes dun parón internacional a partir do cal comezará a etapa final dunha liga regular con todo por decidir
• O Guardés volve desprazar 13 xogadoras. A Ariana Portillo espéranlle tres semanas máis de recuperación, mentres Nerea Gil xa se incorporou aos adestramentos
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés diríxese a un aperitivo da recta final ligueira. O equipo baixomiñoto visitará este sábado ás 19.00 horas Huerta del Rey para medirse ao Aula Valladolid nunha xornada 21 que, previa ao parón internacional da vindeira semana, será o seu último encontro antes dunha serie final doutros seis partidos decisivos para o resultado da liga regular. De novo, a convocatoria inclúe 13 xogadoras, ausentándose aínda Ariana Portillo e Nerea Gil, mais xa con algún avance e perspectiva de reincorporación.
O Mecalia chega coa esperanza de recuperar un pouco os azos, tras unha derrota difícil de asumir o pasado sábado na casa. A visita do Costa del Sol Málaga á Sangriña rematou por ser un dos peores desempeños das anfitrioas esta tempada, un partido na que as perdas de balón disparáronse e a concentración non chegou a manterse nin no xogo defensivo nin no de ataque (19-25). Unha semana despois e analizados tódolos factores que puideron xerar eses fallos, o obxectivo será non repetilos para saír airosas e cos dous puntos de Huerta del Rey.
Dous puntos máis que precisos para un equipo baixomiñoto que baixou á cuarta posición da táboa e busca deixalo todo atado de cara ao tramo final da liga regular que comeza dentro de dúas semanas, e no que lle esperan outros seis partidos nos que non poderá permitirse dubidar.
A comitiva guardesa desprazarase a Valladolid o propio sábado pola mañá, e comporase de novo das habituais 13 xogadoras dos últimos partidos. Seguen a ausentarse da convocatoria Nerea Gil, aínda que xa se incorporou aos adestramentos co plantel; e Ariana Portillo, á que xa se sabe que lle esperan tres semanas máis de repouso ata poder volver á acción. O cansazo e o cadro de persoal curto volven ser, unha vez máis, os dous factores que Ana Seabra deberá controlar para levar o encontro.
Fronte a el, o Guardés atopará un Aula Valladolid aínda máis desexoso dos dous puntos. Cun balance de 11 derrotas, catro empates e cinco vitorias, as de Salva Puig atópanse na undécima posición; é dicir, inmersas na loita por saír dos postos de desempate. Só o separan, ademais, dous puntos do seu rival directo polo décimo posto: un Elda Prestigio que esta mesma xornada tampouco o terá nada doado ante o Atticgo BM Elche.
Por todo iso, este sábado as pucelanas buscarán a que sería a súa primeira vitoria en cinco xornadas, un xute de ánimo coma o que espera obter tamén o Guardés. Será igualmente unha oportunidade de ter a última palabra entre ambos tras un primeiro encontro na Sangriña a finais de outubro, que pechou coa vitoria máis folgada da Liga para as de Ana Seabra (32-21). En calquera caso, trátase dunha oportunidade de ouro para dous equipos que pensan xa no final dunha liga regular que cada semana promete sorprender máis cá anterior.
Ana Seabra: “Temos claro que o obxectivo son os dous puntos e imos traballar para que sexan unha realidade”
A adestradora do Guardés, Ana Seabra, confirma que a dificultade de medirse ao Aula este sábado reside en que “precisa puntos”, e destaca que “está a obter bos resultados nos últimos partidos”, entre os que destacan dous traballados empates ante o Porriño e o Elche.
Para a técnica, xogar en Huerta del Rey “nunca é unha tarefa doada”, se ben enfoca o encontro coma tódolos demais: “Queremos estar concentradas e enfocadas nas nosas propias tarefas”. A filosofía de ir partido a partido segue a ser a chave para o seu plantel, e nela enmárcanse as súas esperanzas para mañá: “Temos claro que o obxectivo son os dous puntos e imos traballar para que sexan unha realidade este sábado”.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 21
Caja Rural Aula Valladolid – Mecalia Atlético Guardés
Sábado, 28 de febreiro | 19.00 horas | Polideportivo Huerta del Rey (Valladolid)
Retransmisión en directo: https://www.youtube.com/watch?v=fgx2_lcyzlg

Ningún comentario:
Publicar un comentario