26 de feb. de 2026

A GUARDA

O Colexio San José - Fundación Vedruna Educación A Guarda celebrou o bicentenario da fundación

 Cunha xornada de fe e comunidade


Foto de familia ao remate da eucaristía celebrada na igrexa parroquial de Santa María de A Guarda

Fotos: Cedidas

Momento da plantación dunha árbore conmemorativa no patio do colexio

Infogauda / A Guarda

 O Colexio San José - Fundación Vedruna, de A Guarda, celebrou este xoves, 26 de febreiro de 2026, con grande emoción, o bicentenario da congregación das Carmelitas da Caridade Vedruna, unha data histórica que conmemora os 200 anos da obra iniciada por Joaquina de Vedruna Vidal, cuxo legado educativo e evanxelizador segue hoxe máis vivo que nunca.

 A comunidade educativa celebrou con profunda emoción este día cunha eucaristía de acción de grazas na que participaron alumnado, profesorado, familias e persoal de administración e servizos. O acto, cargado de simbolismo serviu para relembrar as orixes da institución, agradecer o labor de quen formaron parte da súa historia ao longo destes 200 anos e renovar o compromiso cos valores que guiaron súa traxectoria.

 A eucaristía - que tivo lugar na igrexa parroquial de Santa María de A Guarda -, foi oficiada polo bispo da diocese Tui-Vigo, monseñor Antonio José Valín Valdés - acompañado polo párroco don Juan Luis Martínez Diz e polo padre Vidal - quen destacou na súa homilía a importancia de manter vivo o espíritu de servizo, entrega e compromiso que caracteriza a familia Vedruna dende súas orixes.

 A ceremonia contou coa participación especial da Coral do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda, dirixida por David González Sobrino, que acompañou a celebración cos seus cantos, aportando un ambiente de recollemento, alegría e unión interxeracional, reflexo do verdadeiro sentido de comunidade.

 Como broche final a esta xornada tan significativa, alumnado e profesorado xuntáronse no patio do centro educativo para plantar unha árbore conmemorativa. Ese xesto simbólico representa as raíces profundas da institución, a fortaleza do seu presente e a esperanza posta no futuro. A árbore crecerá como testemuña viva deste aniversario histórico e como recordo permanente dun día que quedará gravado na memoria de toda á comunidade educativa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario