27 de feb. de 2026

A GUARDA

Ormaluga e a Confraría da Guarda cualifican de “insuficiente” o operativo contra as artes ilegais 

 E lembran que levan anos advertindo da existencia de milleiros de cacharros 


Cacharros: artes ilegais. Unha lacra estructural á erradicar

Manuel Ignacio Carballal Miñán*

 Desde a Organización de Mariñeiras e Mariñeiros Luso Galaica (Ormaluga) xunto coa Confraría da Guarda aplaudimos o recente decomiso duns 500 cacharros fronte ás costas da Guarda. Unha acción absolutamente necesaria para loitar contra estas artes, máis claramente insuficiente para paliar unha lacra estructural que desde Ormaluga e a Confraría rexeitamos. 

 Os operativos realizados polo Servizo de Gardacostas de Galicia nas augas onde faenan os profesionais da Confraría de Pescadores da Guarda permitiron a incautación de arredor de 500 cacharros. Trátase, porén, dunha actuación puntual que se repite cada certo tempo e que non responde á verdadeira dimensión do problema, que o sector leva anos denunciando. Non falamos de centos, senón de milleiros de artes ilegais, un fenómeno estrutural que impacta gravemente nos nosos caladoiros e que require un plan integral e sostido no tempo. Fotografías como as que adxuntamos, tomadas pola Confraría, repítense semana tras semana. 







 Hai xa dous anos trasladamos esta realidade ás autoridades competentes nunha reunión na que se detallaron localizacións concretas, zonas de actividade e a operativa habitual destas prácticas. Tanto a Confraría como Ormaluga reiteramos entón —e reiteramos hoxe— a nosa plena disposición para colaborar de maneira activa e coordinada na erradicación definitiva desta lacra. 

 Por iso, sorpréndenos que agora se presente como un grande golpe contra o furtivismo a retirada de 500 cacharros.. Para as mariñeiras e mariñeiros da Guarda, que padecen directamente a competencia ilegal e a sobreexplotación dos recursos, este tipo de anuncios corren o risco de percibirse máis como un “lavado de cara” ca como unha solución real e sostida no tempo e que aborde de verade o problema. A situación resulta aínda máis grave nun contexto no que a concatenación de temporais provocou unha caída de arredor do 80% na facturación no último mes e medio, deixando á frota artesanal nunha situación límite. Mentres os profesionais cumpren escrupulosamente coa normativa, outros continúan operando á marxe da lei cun impacto directo sobre os recursos e sobre a economía local. 

 Desde Ormaluga reiteramos a nosa disposición a traballar coa Xunta de Galicia e co propio Servizo de Gardacostas para poñer en marcha un plan serio, continuado e dimensionado á realidade do problema. Reiteramos a nosa invitación á Conselleira de Pesca a visitar a Guarda, e escoitar de primeira man ao sector e establecer mecanismos de seguimento eficaces. 

 O noso obxectivo segue a ser claro: defender unha pesca artesanal baseada en criterios de sustentabilidade, seguridade e rendibilidade para as produtoras e produtores. Para iso, cómpre pasar dos anuncios puntuais ás solucións estruturais.

Presidente Ormaluga

Ningún comentario:

Publicar un comentario