22 de feb. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés non pode coa visita do Málaga (19-25) 

O equipo baixomiñoto caeu este domingo na visita á Sangriña dun Costa do Sol Málaga que foi superior en todo momento 

Tras unha primeira parte completamente a remolque do rival andaluz, as de Seabra seguiron pecando de erros importantes á volta do descanso, e o apenas oito goles na segunda parte non foron suficientes ante un Málaga moito máis acertado tanto en defensa como en ataque 

A derrota baixa ao Guardés á cuarta posición da táboa 


Lorena Téllez lanzando o esférico sobre á porta visitante
Foto: SportCoeco

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés loita, pero non pode. Volveron caer as de Ana Seabra este domingo nun duelo crucial para a loita pola cabeza da táboa ante un Costa do Sol Málaga que foi superior en todo momento. As de Suso Gallardo lideraron o encontro de principio a fin, grazas a un ataque moi atento e rápido e a unha defensa capaz de aproveitarse dos numerosos erros guardeses. Tras unha primeira parte que aínda daba opcións ás locais, na segunda metade as de Seabra apenas anotaron oito goles e seguiron pecando de perdas transformadas por un rival que venceu cunha folgada renda de seis. A derrota baixa ao Guardés ao cuarto posto da táboa, aínda que empatado a puntos cun Málaga que agora é terceiro e gaña a diferencia de goles particular.  

 O primeiro gol chegou de mans malagueñas, grazas a unha Sole López que conseguiu transformar o primeiro roubo de balón ás anfitrioas. Isa Medeiros repetiu a faena segundos despois, e Nicxon Clabel imitábao por terceira ocasión desde os nove metros. O Málaga comezaba así cun contundente 0-3 logrado a pesar do frenético do xogo nos seus primeiros minutos. Ambos os equipos corrían e non escatimaban en lanzamentos forzados e os seus erros consecuentes, pero as de Suso Gallardo saíran airosas da primeira batalla. 

 Parou Merche Castellanos o primeiro intento de Elena Martínez desde a liña de penalti e parecía complicarse o asunto para o Guardés. As anfitrioas non lograron estrearse ata preto do minuto 5, da man de Jazmín Mendoza desde o extremo, aínda que é certo que se aproveitaron á seguinte xogada dun erro de lanzamento andaluz para asinar un segundo gol coa saída dunha rapidísima Ania Ramos. (2-3, min. 5). Pero o Málaga volveu responder con concentración e atención aos erros, e roubou o esférico ata en dúas ocasións para desfacer o traballo local e obrigar a Ana Seabra a solicitar o primeiro tempo morto do partido (2-5, min. 7). 

 Á continuación, Isa Medeiros anotou o segundo e Castellanos volveu ser un muro para os sete metros, esta vez da man de Rosane Serrano. A defensa anfitrioa non estaba do todo afinada e non permitía a Amandine Balzinc ter o seu mellor día, así que o ataque a 7 malagueño despregouse con comodidade para chegar aos sete goles, mentres o Guardés só tomaba aire grazas ao penalti acertado, agora si, de mans de Lorena Téllez (3-7, min. 11). 

 As exclusións de Sole López primeiro, e de Isa Medeiros despois, deron algo de aire ao Mecalia, que seguía crecendo aínda que con moitas dificultades. O conxunto andaluz estaba brillante en defensa e especialmente a nivel ofensivo, capaz de atopar moitos ocos na barreira guardesa e de pillar desprevida unha e outra vez a Balzinc. Pasaban os minutos e, tras un período de varios minutos sen goles e a pesar dos esforzos locais, a distancia no marcador crecía (5-10, min. 20).  

 Pero non sería tan estable o ritmo do partido, pois xusto nese momento Ceci Cacheda iniciaba unha perigosa crecida da marea guardesa que completarían Blazka Hauptman a continuación e Mendoza en terceiro lugar, asestando un parcial 3-0 con potencial para cambiar as cousas. Suso Gallardo sabíao, e utilizou o seu primeiro tempo morto para tratar de frealo (8-10, min. 22).  

 E produciu efecto, pois o final da primeira metade apuntaba a retomar a dinámica previa. O Guardés pasou máis de cinco minutos sen anotar e deu tempo a Nayra Solís de levar un 0-2 que volvía abrir un oco importante. Pero aguantaron o tipo as de Ana Seabra, mantendo a concentración para bloquear algunhas oportunidades visitantes e para completar igualmente as súas; pechando esta primeira parte cunha asumible diferenza de tres goles e con máis confianza para seguir remando na segunda (11-14, min. 30).  

 Aínda que Hauptman inaugurou o luminoso á continuación, non melloraban demasiado as perspectivas para o anfitrión. O xogo aumentou de ritmo e os goles chegaron en fervenza, coa diferenza oscilando entre os dous e os tres acertos. Xa non parecía ir tan a remolque como na primeira metade o Mecalia, aínda que seguía pecando de erros non forzados, como numerosas perdas de balón ou fallos no lanzamento, que lle impedían, sempre que tiña ocasión, volver a unha renda mínima que non se vía desde o inicio do partido (16-19, min. 40).  

 Sabina Mínguez entrou e deu algo de aire moi necesario á defensa guardesa. No medio da enésima seca de goles locais que alcanzaba case os 10 minutos, a porteira mislateña permitiu soñar coa vitoria aínda a unha A Sangriña que celebrou a súa dobre parada a Resende de penalti e a Isa Medeiros no rexeite. Gritaba si se pode” o pavillón xusto antes de ver o regreso das súas ao marcador de mans eslovenas (17-20, min. 47). 

 Pero acabábase o tempo e seguía perdoando valiosas oportunidades un Mecalia que xa non foi capaz de resarcirse transformando apenas ningunha ocasión. Fóra dun acerto de Cacheda, non houbo máis goles guardeses nos vitais minutos posteriores, xusto cando máis necesarios eran. Pois aínda que o Málaga tampouco presumía de efectividade e seguía moi freado por Mínguez, crecía o suficiente para manter a renda e seguir abríndoa. A falta de concentración seguiu pesando e o Guardés simplemente non puido enfocar esforzos nin gozar do tempo suficiente como para facer fronte a un rival que viña de dominar todo o partido. Con apenas oito goles locais na segunda metade, o partido pechouse finalmente, a pesar da presión dun pavillón e un equipo guardeses entregados, con vitoria malagueña e folgada, froito dun encontro superior ao das anfitrioas en todos os sentidos (19-25, final).  

 A derrota baixa ao Mecalia Atlético Guardés ao cuarto posto clasificatorio, por baixo dun Málaga con puntuación igual e contra o que perde no que respecta á diferencia de goles. 

Mecalia Atlético Guardés (11+8): María Palomo (1), Lorena Téllez (4), Elena Martínez, Ania Ramos (1), Jazmín Mendoza (3), Blazka Hauptman (4), Amandine Balzinc (p.) [sete inicial], Sabina Mínguez (p.), África Sempere, Cecilia Cacheda (3), Rosane Serrano (1), Carme Castro e María Sancha (2).  

Costa de Sol Málaga (14+11): Sole López (4), Isa Medeiros (7), Rocío Campigli (2), Joana Resende (3), Nicxon Clabel (1), Alice Fernandes (p.), Espe Jiménez (1) [sete inicial], Nayra Solís (2), Mariángeles de Uriarte (1), Estela Doiro, Silvia Arderius (3), Estitxu Berasategi, Bárbara Piñeira e Merche Castellanos (p.). 

Marcador cada cinco minutos: 1-3, 2-6, 5-8, 5-9, 8-11, 11-14, 15-18, 16-18, 16-19, 18-20, 18-22, 19-25.  

Árbitros: Miquel Florenza e Jordi Ausas. Amoestaron con tarxeta amarela á local María Palomo e excluíron con dous minutos ás locais Lorena Téllez e Blazka Hauptman e ás visitantes Sole López, Isa Medeiros e Estela Doiro. 

Incidencias: Partido de vixésima xornada da liga Guerreras Iberdrola 2025/2026, disputado no pavillón da Sangriña. Antes de comezar, entregouse unha placa conmemorativa ao exsecretario xeral para o Deporte, da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa con motivo da súa xubilación, así como un detalle do Club Balonmán Atlético Guardés á xogadora do Málaga e exxogadora do Guardés, Estela Doiro, con motivo do seu retiro.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario