4 de set. de 2025

BUXÁN (A GUARDA)

A banda de música da Agrupación Musical de A Guarda ofrecerá un novo concerto

 Este venres, 5 de setembro, ás 20:00 horas, na praza de Buxán


A banda de música da Agrupación Musical de A Guarda no concerto conmemorativo do XX aniversario da súa presentación el público
Foto: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / Buxán (A Guarda)

 Dentro do ciclo Concertos nas parroquias, 2025, a banda de música da Agrupación Musical de A Guarda, dirixida por Víctor Luis Alonso Treinta, ofrecerá un novo concerto. Será este venres, día 5 de setembro, ás 20:00 horas, na praza de Buxán.

 O devandito ciclo rematará o vindeiro día 13 deste mes, na praza de San Amaro, en Camposancos, onde ás 19:00 horas, a banda de música da Agrupación Musical de A Guarda ofrecerá o último concerto programado desta edición.

A GÁNDARA (A GUARDA)

Abertas as inscricións para a XXIII Carreira pedestre popular Julia Vaquero

Aberta a atletas de todas as idades, con distancias adaptadas segundo ano de nacemento

 



Infogauda / A Gándara (A Guarda) 

 Organizada pola Asociación Cultural de Veciños O Percamino, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, Concello de A Guarda e Fe Seguros; a XXIII Carreira pedestre popular Julia Vaquero celebrarase o sábado 13 de setembro, dentro da programación das Festas das Mercedes.   

 As carreiras comezarán a partir das 18:00 horas, na praza Os Seixiños, de A Gándara. Haberá categorías masculina e feminina, e diferentes tramos de idades, con distancias adaptadas, segundo  o ano de nacemento de cada atleta. Deste xeito, a organización da Carreira pedestre Julia Vaquero quere dar a oportunidade de participar a todas/os as/os atletas que queiran.  

 Todas as persoas que desexen participar poden inscribirse de xeito gratuíto ata o luns 8 de setembro no teléfono 647 607 456 ou no correo opercamino@hotmail.com ainda que tamén poderán facelo no mesmo día na mesa de secretaría da carreira entre as 16:30 e as 17:30 horas.   

A GUARDA

“A APERTURA DA RÚA BAIXO MURO NUNCA FOI UNHA PRIORIDADE PARA CARRERO”  

Anxo Baz (BNG): “A unión da veciñanza obrigou ao alcalde a  cambiar de posición despois de renunciar a unha subvención do 2022. Agora preséntase coma o grande artífice do proxecto”    


Anxo Lois Baz Vicente, portavoz municipal do BNG, no congostra que actualmente soio ten acceso pola rúa Baixo Muro 

Infogauda / A Guarda

 Sendo ás 10:54 horas de hoxe, xoves, 4 de setembro de 2025, o BNG fixo chegar á redacción deste xornal dixital transfronteirizo, a seguinte nota de prensa, que reproducimos literalmente: 

 "Diante da información aparecida nas redes sociais do Concello da Guarda sobre a conexión da Rúa Baixo Muro coa Rúa Ireira o portavoz municipal do BNG, Anxo Baz, manifestou: “Carrero e o seu goberno renunciaron a unha partida do Plan Concellos do ano 2022/23 para realizar a obra de conexión da rúa Baixo Muro coa rúa Ireira. A presión da veciñanza apoiada polo BNG fíxolles cambiar de posición e obrigounos a continuar co expediente de compra ou expropiación que tiñan paralizado desde a súa entrada no goberno  para poder proceder a realización da obra. Agora o alcalde pretende presentarse como o grande artífice do proxecto”.    

 O nacionalista comprometeuse a  seguir apoiando a veciñanza na súa xusta reclamación para garantir a accesibilidade desta rúa e esixir ao mesmo tempo que se  aborden  os problemas de saneamento  para o que é preciso  proceder  a  separación de fecais e pluviais en todo o trazado da rúa.   

 Baz felicitou en nome  do  BNG  a veciñanza da zona porque grazas á súa unión foron quen  de  facer virar a posición de Carrero e o seu  grupo de goberno  obrigándoos a continuar co expediente de adquisición do inmoble para poder  abrir a rúa.  

 Rematou a súa intervención dicindo “quedan aínda moitos pasos pendentes antes de que se   execute a obra polo que estaremos vixiantes e continuaremos apoiando e asesorando a veciñanza da zona para que por fin este proxecto tan necesario  se convirta nunha realidade”".    

O ROSAL

O Rosal continúa coa renovación dos seus camiños para facilitar a mobilidade no rural   

 O Concello licita a adecuación dos camiños das Carballas e da Gandarela financiado ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025 

  

O Concello continúa a apostar pola modernización e mantemento dos camiños rosaleiros
Foto: C.O.R.

 Infogauda / O Rosal 

 O Concello continúa a apostar pola modernización e mantemento dos camiños rosaleiros, claves para garantir a mobilidade nas parroquias e no rural. Nesta liña, acaba de sacar a licitación a rehabilitación dos camiños das Carballas e da Gandarela, que contará cun investimento próximo aos 60.000 euros financiado con fondos propios do Concello e do Plan Camiña Rural 2025 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). As propostas poderán presentarse ata o 17 de setembro. 

 O camiño das Carballas conecta o núcleo do Calvario con Viso dos Eidos, mentres que o camiño da Gandarela une a Estrada de Santa Ana coa da Morraceira. Ambos contan cun elevado tráfico de vehículos agrícolas e serven de acceso a numerosas fincas, pero actualmente presentan pavimento moi deteriorado e cunetas practicamente pechadas, o que limita a funcionalidade e a seguridade da vía. 

 As actuacións previstas inclúen a rehabilitación de firmes e pavimentos, tanto estruturais, para aumentar a capacidade do firme existente, como superficiais, para conservar ou mellorar as súas características funcionais e a protección do conxunto. Estes traballos contan con autorización do Patrimonio Cultural e informes favorables do Servizo de Infraestruturas e Vías da Deputación de Pontevedra e da Axencia Galega de Infraestruturas, garantindo a seguridade da intervención. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “estes proxectos son unha mostra do noso compromiso coa veciñanza e cunha mellora progresiva e continuada da rede de camiños municipais, uns traballos que executamos grazas a actuacións planificadas ao abeiro do Plan de mellora dos camiños municipais”. 

 Nos últimos dous anos, o Concello renovou máis de 35.000 metros cadrados de camiños rurais, cun investimento total de arredor de 730.000 euros, reforzando a súa folla de ruta cara a unha mobilidade progresiva e segura en todas as parroquias rosaleiras. 

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés prepárase para o derbi da Supercopa de Galicia 

Este domingo, o Mecalia pechará os amigables de pretempada co tradicional derbi ante o Porriño da final da Supercopa de Galicia feminina (19:00 horas, Fontecarmoa) 

O equipo participou este xoves na presentación do evento na Antiga Praza da Peixería de Vilagarcía de Arousa, xunto cos demais competidores na Supercopa masculina e na Copa Galicia 

O acto tamén contou coas intervencións de autoridades representantes do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Balonmán 


Presentación da final da Supercopa de Galicia feminina de balonmán
Fotos: M.A.G.


Redacción Deportes / Vilagarcía de Arousa

 O Mecalia Atlético Guardés prepárase para o tradicional derbi anual da súa pretempada. Este domingo, 7 de setembro, ás 19.00 horas, as de Ana Seabra mediranse ao Conservas Orbe Zendal BM Porriño na final da Supercopa de Galicia feminina, nun partido que servirá de colofón a toda unha xornada festiva para o mellor balonmán galego celebrada no polideportivo Fontecarmoa, de Vilagarcía de Arousa. 

 O evento, que incluirá tamén as finais da Supercopa masculina e da Copa Galicia, presentouse este xoves ao mediodía na Antiga Praza da Peixería do municipio arousán nun acto dirixido pola Federación Galega de Balonmán e que contou coas intervencións do seu presidente, Bruno López; da Directora de Deportes da Deputación de Pontevedra, Xisela Aranda; do Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; e do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela. 

 No acto detallouse o desenvolvemento da xornada, que comezará ás 11.00 horas para acoller as finais feminina e masculina da Copa de Galicia, e retomarase en horario de tarde a partir das 17.00 para as contendas pola Supercopa masculina e feminina. Tamén se deu voz aos protagonistas, entre os que se atopaban deportistas e membros directivos de tódolos clubs participantes: Mecalia Atlético Guardés, S.D. Teucro, Club Cisne Balonmán, Club Balonmán Porriño, Valinox Novás, Balonmán Cañiza, A.D. Carballal e Balonmán Arousa, que exercía de anfitrión. 

 Pola parte guardesa tivo a palabra a súa adestradora, Ana Seabra. A preparadora declarou que a final da Supercopa “vai ser un partido no que queremos competir, porque é un título moi importante para nós, principalmente e xa que a temporada xa comezou, para buscar máis sensacións, seguir traballando en equipo e conectarnos mellor”. Para  a técnica, este amigable é una oportunidade para competir cun rival directo de Liga e un equipo de moi alto nivel, pero sobre todo, as súas contribuirán para que sexa “un evento bonito e de balonmán de calidade”. 

 Ademais de Seabra, estiveron tamén presentes representando ao Mecalia Atlético Guardés as xogadoras do seu cadro de persoal; Willian Ferrari e Iván Vázquez, segundo adestrador e preparador físico do seu corpo técnico, respectivamente; e Patricia Vicente, vogal da xunta directiva. 

 Tal como informou este mércores a Federación nas súas redes sociais, as entradas para este domingo están xa dispoñible a través da plataforma Cluber a un prezo de 8 euros máis gastos de xestión que dá acceso aos catro partidos. O mesmo día, na taquilla, poderán obterse a 10 euros.  

AXENDA 

Final Supercopa de Galicia 

Conservas Orbe Zendal BM Porriño – Mecalia Atlético Guardés 

Domingo, 7 de setembro | 19:00 horas | Complexo deportivo Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa)  

Retransmisión pola canle de YouTube da Federación Galega de Balonmán: 

https://www.youtube.com/live/_TGF7eH6ZMg

TUI

O talento mozo presente este sábado no Mercado Creativo do Festival Boas Vibes 

  A artista Alba Troiteiro realizará unha pintura de gran formato e Vella Escola achegará a cultura urbana á Alameda de San Domingos 



Infogauda / Tui

 O Festival Boas Vibes, que este sábado, 6 de setembro, se celebrará na Alameda de San Domingos, contará cun espazo para visibilizar a creatividade xuvenil cun mercado no que participarán dez mozos e mozas presentando as súas obras en diversas disciplinas.  

 No Mercado Creativo participarán Amaralea, blue.buble, Kaitana, La Clave de An, Mar en Calma, Mar.jewelrin, Marina Araujo, O taller máxico, Sapoconcho e Uxía RM. Presentarán creacións en pezas de arte, xoiería, produtos para mascotas, ilustración, escritura, costura creativa, láminas, reciclaxe ou elementos de decoración. Os postos estarán abertos de 11 h a 21 h .  

 O Festival Boas Vibes, na Alameda de San Domingos, tamén acollerá unha demostración de arte a partir das 16.30 h con Alba Troiteiro, quen realizará unha pintura de gran formato.  

 Esta artista plástica basea o seu traballo nas emocións, e a través delas materializa o que quere contar e expresar ao mundo. Alba Troiteiro brindará así un espectáculo artístico en directo no Festival Boas Vibes.  

 A cultura urbana tamén estará presente neste festival cun espectáculo de Breaking dance e Beat Box da man de Vella Escola. Será ás 19.30 h. Actuará en solitario un artista de Beat Box e tres bailaríns de Breaking dance. Finalmente, farán unha actuación conxunta con ambas disciplinas.  

 No festival Boas Vibes tamén haberá concertos de Eris Mackenzie, Hydn, Supernova; sesións dj con Sofi Peries, Samu Pexe, Sariinha; encontros inspiradores con Guillermo Carracedo, Isabel Garrido, Fatisuki e Raúl Lomba; e zona gastronómica durante toda a xornada.  

 A programación completa pode consultarse en tui.gal.

SANXENXO

A Deputación leva o ciclo de Artes Vivas da Bienal de Pontevedra a Sanxenxo este venres coa actuación de Nuria Sotelo e Luz Arcas na capela da Lanzada 

A capela acolle a estrea absoluta de “Fóra de si”, unha intervención que parte dunha investigación ao redor do “corpo jondo”, que terá entrada libre ata completar capacidade 


Nuria Sotelo e Luz Arcas

Foto: Carmen Verdú

Infogauda / Sanxenxo

 O ciclo de Artes Vivas da Bienal de Pontevedra chegará a Sanxenxo coa estrea absoluta dun espectáculo de danza de Nuria Sotelo e Luz Arcas, coa colaboración de Quique Peón e Xabier Erkizia, que presentan a súa peza “Fóra de si”. Será este venres, 5 de setembro, ás 21:00 horas na capela da Lanzada con entrada libre ata completar a capacidade. Comisariado por Iñaki Martínez Antelo, o ciclo de Artes Vivas da Bienal de Pontevedra ten a súa base en Pontevedra pero expándese por diferentes puntos da provincia, activando espazos urbanos, patrimoniais e industriais que se transforman en escenarios efémeros abertos ao público. Esta itinerancia busca conectar a creación contemporánea co territorio e os seus habitantes, favorecendo novos encontros e experiencias culturais.  

 O punto de partida de “Fóra de si” é a investigación que Luz Arcas está a realizar ao redor do "corpo jondo". A artista explica que leva “uns anos traballando no jondo como motor de movemento interno e punto de partida para os meus bailes. Na procura expresiva e experimental, desligada formalmente de calquera tradición, pero conectada enerxeticamente coas expresións da miña terra, co flamenco, cos ritos e supersticións, co folclore andaluz e cos seus bailes e cantes do arraigamento.  

 Arcas pregúntase Como se encarna a vida sen corpo?, como se baila fóra de si?, como entregar o corpo a mensaxes doutros corpos que xa non están aquí? Como facer deste mecanismo expresivo un espazo para a liberdade, para a revolución do tempo e do espazo, dos vínculos persoais?” e engade: “a materia, mans que escriben ou debuxan, bocas que se articulan ao servizo de mensaxes doutros mundos. Neste traballo, a coreógrafa e bailarina Luz Arcas explora estas preguntas a modo de invocación, utilizando como materia o corpo-voz de Nuria Sotelo, a voz e a percusión da man de Quique Peón e o seu propio corpo, co espazo sonoro de Xabier Erkizia.   

 Luz Arcas (1983, Málaga) fundou a compañía La Phármaco en 2009. É Premio O Ollo Crítico da Danza 2015, premio á mellor intérprete feminina de danza 2015 nos Premios Lorca, finalista a mellor intérprete feminina de danza nos Premios Max 2017, Premio Injuve 2009 e Premio Málaga Crea 2009. Ademais, acaba de recibir o Premio Nacional de Danza (2024) outorgado polo Ministerio de Cultura.  

 Nuria Sotelo é bailarina, coreógrafa, fundadora e directora artística da compañía de danza-teatro Furia Sotelo, directora do espazo de danza do Campus de Ourense UV, docente no campo do movemento, traballadora no ámbito social das artes e impulsora e coordinadora do espazo de creación artística e acción social no rural A Casa Vella.  

 Quique Peón (1963, A Coruña) é coreógrafo, investigador, intérprete e docente no eido da música e do baile tradicional de Galicia. A súa actividade profesional céntrase na investigación etnográfica, cun extenso traballo de recolección de campo. Recuperou e restaurou centos de bailes, danzas, músicas, traxes, instrumentos e costumes, e gañou innumerables premios de ámbito nacional e internacional. Dirixe desde 1982 o grupo de música e baile tradicional Xacarandaina da Coruña e en 2008 creou a súa compañía profesional de danza galega Quique Peón Cía.  

 Xabier Erkizia (Lesaca, Navarra, 1975) é músico, produtor, xornalista e artista sonoro. Colabora con artistas de diferentes disciplinas e procedencias e as súas prácticas abarcan desde a radio á produción musical, a escritura, composición de bandas sonoras (cine, teatro, danza), ata a súa faceta máis experimental.  

 Este programa podería sufrir modificacións por circunstancias externas, como climatoloxía adversa ou causas de forza maior.

A CORUÑA

Víctor Coyote: «Todo queda na casa: Galicia sempre estará presente no meu traballo»

 O músico e ilustrador galego repasa a súa traxectoria entre a música, a banda deseñada e o deseño na súa visita ao festival Viñetas desde o Atlántico


Víctor Coyote, músico, ilustrador, pintor e deseñador, no festival Viñetas desde o Atlántico
Foto: F. V. do A.

Infogauda / A Coruña

 Víctor Coyote, músico, ilustrador, pintor e deseñador nado en Tui en 1958, é unha das figuras máis singulares da cultura galega contemporánea. Coñecido nos anos oitenta como líder de Los Coyotes, transitou desde entón pola música, a banda deseñada, o deseño gráfico, a pintura ou o audiovisual. A súa obra, sempre marcada por unha ollada crítica e unha conexión coa cultura latinoamericana, atopou tamén nos festivais e nas exposicións un espazo natural. No marco do festival Viñetas desde o Atlántico, conversa sobre a súa traxectoria e a súa maneira de entender a creación artística.

A túa traxectoria é moi transversal: música, pintura, deseño gráfico, banda deseñada. Como se relaciona todo isto no teu traballo creativo?

Pois, home, eu teño só unha cabeza. Os meus intereses son sempre parecidos e todo sae de aí. Evidentemente, non é o mesmo tocar unha guitarra que debuxar, pero os meus temas de interese (como o mundo latinoamericano, que ten moito contacto con Galicia) están sempre presentes en todo o que fago.

Música e creación visual van daquela da man?

Si, coas súas características propias. Cada disciplina ten as súas particularidades: hai cousas que podes facer en música que non podes facer en banda deseñada, e viceversa.

Nas túas bandas deseñadas mestúranse memoria persoal, ollada crítica, experimentación… Como defines o que queres transmitir?

Non sabería dicilo con exactitude. Sáeme unha mestura entre o clásico e algo máis libre. Non o chamaría experimental, pero si unha combinación. Por exemplo, en Entresijos, o debuxo é máis ben clásico, realista, pero aplico a cor de maneira libre, sen respectar volumes. Iso chamou moito a atención e vírono como orixinal. A min parecíame normal, pero está claro que normal de todo non é.

Que lugar ocupa hoxe a banda deseñada dentro das artes visuais desde o teu punto de vista?

A min o lugar que ocupa, o ránking e as listas non me interesan. Ese tipo de cousas son para friquis de internet. Eu non teño unha película favorita, por exemplo. Para min hai cousas culturais que son interesantes e outras que non. A importancia que ten a banda deseñada nese sentido non me preocupa demasiado.

Porén, semella que a banda deseñada si está nun mellor lugar cultural ca antes.

Si, iso é certo. Hoxe os suplementos culturais dos xornais publican banda deseñada, cousa que antes non acontecía. Antes era algo visto como de rapaces ou de friquis. A novela gráfica trouxo novos lectores interesados no cultural e literario, e iso está ben.

E que dirías sobre a túa experiencia no Festival Viñetas desde o Atlántico?

Moi boa. As exposicións do Kiosco Alfonso e as da Sala Palexco parécenme moi ben montadas, cada unha co seu carácter. A Coruña é un sitio que xa coñecía, cómese estupendamente e eu síntome aquí moi próximo. Ao final, todo queda na casa.

CULTURA

As novas escavacións no Castro de Viladonga sacan á luz a primeira moeda romana da 'caetra' localizada no xacemento 

  O achado reforza a teoría da relación que tivo este xacemento castrexo coa cidade romana de Lucus Augusti xa dende unha época moi temperá, segundo os expertos


O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou este espazo para coñecer o resultado da intervención, impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Foto: X.G.

Infogauda / Castro de Rei (Lugo)

 A nova actuación arqueolóxica impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no Castro de Viladonga (Castro de Rei) tivo entre os resultados máis destacados a exhumación da primeira moeda romana da caetra localizada no xacemento.  

 O delegado territorial, Javier Arias, visitou hoxe este espazo no que está a piques de rematar a intervención deste ano, que contou cun investimento de preto de 18.000 euros e serviu para consolidar unha das estruturas residenciais castrexas situadas na croa. A actuación comezou o 18 de agosto e finaliza mañá. O domingo 14 de setembro ás 12,00 horas haberá unha visita guiada polo equipo arqueolóxico para explicar a actuación. É gratuíta e non require inscrición.  

 Os expertos subliñan que o achado da moeda reforza a teoría da relación que tivo este xacemento castrexo coa cidade romana de Lucus Augusti xa dende unha época moi temperá.  

 Atopouse durante os traballos de escavación, que permitiron documentar a existencia, baixo o pavimento da vivenda, dunha fosa escavada na rocha que, á falta do estudo pormenorizado dos materiais, todo indica que pode tratarse dunha fosa de cremación. O material recuperado na mesma – fragmentos óseos, restos de carbóns, eslavóns dunha codeína de bronce, varios fragmentos cerámicos atribuíbles á II Idade do Ferro, unha fusaiola, unha doa de pasta vítrea e unha moeda – e a súa sinalización superior cunha composición case circular de seixos e pequenas lousas contribúen a manter esa explicación.  

 A limpeza da moeda, localizada no bordo interior da fosa, permitiu catalogala coma un as de época romana da serie de cuñaxes denominados da caetra. En particular, trátase dun tipo caracterizado por presentar no anverso unha imaxe estilizada do emperador Augusto e no reverso a caetra, o característico escudo da poboación indíxena do noroeste peninsular. Os estudos máis recentes sitúan a cuñaxe deste tipo concreto na antiga Lucus Augusti, en concreto no campamento militar previo á creación da propia cidade romana.  

Traballos de consolidación 

 En canto aos traballos de consolidación e restauración da vivenda castrexa, permitiron fortalecer as súas estruturas e protexelas de forma efectiva contra as inclemencias do tempo. As actuacións realizadas facilitan a lectura e interpretación do espazo, contribuíndo á monumentalidade do castro e outorgando unha sensación de amplitude e limpeza na zona de acceso á croa.  

 Ademais, recuperáronse outros materiais, entre eles un centro de fragmentos cerámicos -a maioría corpos de olas asinables á II Idade de Ferro-, dúas escouras de ferro, outra posible estela con cazoleta e varios elementos líticos, entre eles un canto rodado de forma fálica. Tamén se recolleron numerosos fragmentos óseos moi pequenos e carbóns, susceptibles de futuros análises.  

 Igualmente, o feito de escavar ata o nivel xeolóxico e o levantamento da lareira permitiron documentar o proceso construtivo dese elemento do fogar típico das estruturas castrexas, así como o zócalo de entrada da vivenda. A lareira foi reconstruída a partir das múltiples pedras que a conformaban.  

Campo de voluntariado 

 Estas actuacións coincidiron en boa parte co campo de voluntariado arqueolóxico que acolle o Castro de Viladonga dende o 26 de agosto e que finaliza mañá. A actividade está promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e coordinada na súa parte técnica polo equipo que levou a cabo a campaña. Os participantes son 23 mozos e mozas, a maioría descendentes de emigrantes galegos, que tiveron a oportunidade de mellorar os seus coñecementos en materia de conservación, protección e divulgación do patrimonio arqueolóxico.  

 Ademais, os voluntarios e voluntarias levaron a cabo traballos de eliminación dunha herba invasora denominada Conyza canadensis, que afecta á integridade das construcións do xacemento. A intervención foi exitosa, xa a especie quedou totalmente erradicada das estruturas da croa.

TURISMO

O programa ‘Contigo no Camiño’ pecha co apoio da Xunta o seu quinto verán con máis de 1.500 persoas atendidas e 900 asistencias informativas 

  O director de Turismo de Galicia achegouse ao posto permanente de Portomarín, onde agradeceu ao persoal profesional e voluntario a axuda “neste obxectivo común de facer cada vez mellor a experiencia” 


O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron esta tarde o posto de atención permanente de Cruz Vermella en Portomarín

Foto: X.G.

Infogauda / Portomarín (Lugo)

 O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron esta tarde o posto de atención permanente de Cruz Vermella en Portomarín para pechar a quinta edición do programa ‘Contigo no Camiño’. Esta iniciativa, desenvolta de Cruz Vermella, co apoio da Xunta de Galicia, contribúe a reforzar a seguridade e a atención dos peregrinos no Camiño de Santiago, concretamente no Francés, durante os meses centrais do verán.  

 Desde o 7 de xullo e a falta de que este domingo 7 de setembro se peche esta edición, realizáronse máis de 1.500 asistencias sanitarias no tramo galego do Camiño Francés e 900 asistencias informativas. Delas, a maior parte correspondéronse con atencións leves, como feridas nos pés, dores musculares, contusións ou picaduras de insecto.  

 Como outros anos, contribuíuse ademais á mellora da experiencia das persoas camiñantes mediante o apoio informativo, con máis de 900 asistencias deste tipo nas que se forneceu información xeral das etapas, a súa dificultade, lugares nos que durmir, comer ou visitar.  

 O director de Turismo de Galicia enmarcou a iniciativa no traballo da Administración por mellorar as rutas xacobeas, o que entronca directamente co Plan Director dos Camiños de Santiago de cara ao Xacobeo 2027. “Desde o Goberno autonómico traballamos por garantir unha experiencia satisfactoria para os peregrinos”, subliñou, agradecendo a persoal e voluntariado “por axudarnos neste obxectivo común”.  

 Ademais, Xosé Merelles lembrou que pese a que os incendios rexistrados en agosto se produciron preto do Camiño Francés, “case 35.000 peregrinos optaron por percorrelo o mes pasado”.

Novidades desta edición 

 Este ano, como novidade, introduciuse a cobertura desde O Cebreiro e incrementouse un equipo de socorristas sumando un total de catro nesta edición. Ademais, o albergue Casa Forte de Lusío, en Samos, foi o centro loxístico para as etapas en Lugo e tamén aloxou aos voluntarios participantes.  

 O dispositivo contou, ademais de co posto permanente en Portomarín, con 4 equipos de socorristas itinerantes. Estas patrullas contan con formación en primeiros auxilios, desfibrilación semiautomática, xeolocalización, medio ambiente e igualdade de xénero. Os equipos están dotados dun botiquín de primeiros auxilios, un desfibrilador semiautomático (DESA) e un xeolocalizador.  

 Desde 2021, os equipos de ‘Contigo no Camiño’ percorreron máis de 27.000 quilómetros do Camiño, atendendo directamente a máis de 7.000 persoas. Delas, o 53% das asistencias foron de carácter sanitario.  

Estatísticas 

 O Camiño Francés supón a principal ruta xacobea. Nos oito primeiros meses do ano, 170.352 persoas recolleron a Compostela tras percorrer este itinerario, un 2% máis que no mesmo período de 2024. Deles, 74.906 foron de procedencia estranxeira, o 45% do total. Por países de procedencia, o 7,4% foron de Estados Unidos, o 4,3% de Francia, o 2,8% de México.  

 Sumando todas as rutas, no que vai de ano rexistráronse 373.688 peregrinos, dos que o 64% procederon de fóra de España. En xeral, foi un 5% máis que en 2024. O Camiño Francés é o máis percorrido co 45,7% de peregrinos, seguido do Portugués que o recorren o 19% dos peregrinos.

ARCOS DE VALDEVEZ

Zona desportiva de Arcos de Valdevez com mais estacionamento


Terraplanagem de um terreno junto ao Estádio Municipal da Coutada
Foto: C.M. A. de V.

María Joâo Brito / Arcos de Valdevez  

 A Câmara Municipal está a proceder à terraplanagem de um terreno junto ao Estádio Municipal da Coutada, para criar mais estacionamento no concelho. 

 Este espaço, situado na zona desportiva irá permitir aumentar a oferta de lugares aquando da realização de atividades com maior afluência de público e de trânsito.