Víctor Coyote: «Todo queda na casa: Galicia sempre estará presente no meu traballo»
• O músico e ilustrador galego repasa a súa traxectoria entre a música, a banda deseñada e o deseño na súa visita ao festival Viñetas desde o Atlántico
Infogauda / A Coruña
Víctor Coyote, músico,
ilustrador, pintor e deseñador nado en Tui en 1958, é unha das
figuras máis singulares da cultura galega contemporánea. Coñecido nos anos
oitenta como líder de Los Coyotes, transitou desde entón pola música, a banda
deseñada, o deseño gráfico, a pintura ou o audiovisual. A súa obra, sempre
marcada por unha ollada crítica e unha conexión coa cultura latinoamericana,
atopou tamén nos festivais e nas exposicións un espazo natural. No marco do festival
Viñetas desde o Atlántico, conversa sobre a súa traxectoria e a súa maneira de
entender a creación artística.
A túa traxectoria é moi transversal: música, pintura, deseño gráfico, banda deseñada. Como se relaciona todo isto no teu traballo creativo?
- Pois, home, eu teño só unha cabeza. Os meus
intereses son sempre parecidos e todo sae de aí. Evidentemente, non é o mesmo
tocar unha guitarra que debuxar, pero os meus temas de interese (como o mundo
latinoamericano, que ten moito contacto con Galicia) están sempre presentes en
todo o que fago.
Música e creación visual van daquela da man?
- Si, coas súas características propias. Cada
disciplina ten as súas particularidades: hai cousas que podes facer en música
que non podes facer en banda deseñada, e viceversa.
Nas túas bandas deseñadas mestúranse memoria persoal, ollada crítica, experimentación… Como defines o que queres transmitir?
- Non sabería dicilo con exactitude. Sáeme unha
mestura entre o clásico e algo máis libre. Non o chamaría experimental, pero si
unha combinación. Por exemplo, en Entresijos, o debuxo é máis ben
clásico, realista, pero aplico a cor de maneira libre, sen respectar volumes.
Iso chamou moito a atención e vírono como orixinal. A min parecíame normal,
pero está claro que normal de todo non é.
Que lugar ocupa hoxe a banda deseñada dentro das artes visuais desde o teu punto de vista?
- A min o lugar que ocupa, o ránking e as listas non
me interesan. Ese tipo de cousas son para friquis de internet. Eu non teño unha
película favorita, por exemplo. Para min hai cousas culturais que son
interesantes e outras que non. A importancia que ten a banda deseñada nese
sentido non me preocupa demasiado.
Porén, semella que a banda deseñada si está nun mellor lugar cultural ca antes.
- Si, iso é certo. Hoxe os suplementos culturais dos
xornais publican banda deseñada, cousa que antes non acontecía. Antes era algo
visto como de rapaces ou de friquis. A novela gráfica trouxo novos lectores
interesados no cultural e literario, e iso está ben.
E que dirías sobre a túa experiencia no Festival Viñetas desde o Atlántico?
- Moi boa. As exposicións do Kiosco Alfonso e as da Sala Palexco parécenme moi ben montadas, cada unha co seu carácter. A Coruña é un sitio que xa coñecía, cómese estupendamente e eu síntome aquí moi próximo. Ao final, todo queda na casa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario